O BNG de Tui considera unha auténtica aberración paisaxistica e medioambiental
O revestimento de formigón realizado na Praia de Areeiros en Guillarei
Infogauda / Tui
O BNG de Tui considera "unha auténtica aberración paisaxistica e medioambiental o revestimento de formigón realizado na Praia de Areeiros en Guillarei. Esta actuación levada a cabo polo goberno municipal, deuse nas inmediacións da ZEC (Zona Especial de Conservación) do Baixo Miño xa visiblemente ameazada."
Desde o BNG de Tui entenden que "a utilización de formigón nun intento fallido de humanización da praia, non fai máis que contribuir á degradación paisaxistica e medioambiental da contorna."
"Para alén diso, non podemos obviar os impactos que se poden dar durante a fase de execución do proxecto e que poden levar á contaminar as augas e solos por presencia de aditivos e composto químicos que leva o formigón e que representa un dos materiais menos sostibles empregados no sector da construción", comenta Carme Núñez voceira municipal do BNG.
Ademais, condenan firmemente a "política de formigón" que leva practicando o goberno do PSOE desde a súa chegada ao poder. "Unha forma de goberno que entendemos é moito máis propia da dereita máis rancia e que xa rexeitamos rotundamente ante o empeño na construcción dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica. Máis formigón no lugar onde deberiamos proxectar unha gran zona verde. O BNG aposta por unha alternativa de renaturalización, restauración e protección dos nosos ecosistemas, deixando a un lado o desperdicio de fondos que leva o enchelo todo de formigón", afirma o concelleiro do BNG de Tui, Xosé Martinez Tato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario