19 de set. de 2021

GALICIA

O titular do Goberno galego reuniuse esta semana con Juan Antonio Muñoz Codina, responsable do Polo do Grupo Stellantis dedicado á produción de vehículos comerciais lixeiros 

Feijóo defende seguir impulsando da man de Stellantis o proxecto Autoancora para solicitar ao Goberno que o inclúa no reparto de fondos europeos  

Destaca que se trata dunha das iniciativas tractoras da candidatura Next Generation Galicia e que, cun investimento de 1.300 millóns euros, busca desenvolver na Comunidade a automoción do futuro a través da sustentabilidade, a dixitalización e as novas tecnoloxías


 d
Núñez Feijóo e Muñoz Codina durante a reunión
Foto: X.G.

Lembra a predisposición da Xunta a apoiar calquera iniciativa do Executivo central que implique a construción dunha fábrica de baterías en Galicia  

Resalta a importancia de que exista un compromiso conxunto de todas as administracións, dentro das súas competencias, para acompañar ao sector galego nun contexto actual marcado a nivel internacional polo problema dos microchips


Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a necesidade de seguir impulsando o proxecto AutoAncora, unha das iniciativas tractoras da candidatura Next Generation Galicia e coa que a industria galega da automoción e a Xunta buscan a implicación da Administración central para poder optar aos fondos europeos de recuperación. Así llo trasladou nunha reunión a Juan Antonio Muñoz Codina, encargado de liderar o novo Polo do Grupo Stellantis dedicado á produción de vehículos comerciais lixeiros -unha rede de factorías entre as que se encontra a planta de Balaídos en Vigo-.

 O presidente autonómico aproveitou o encontro para trasladarlle o compromiso da Xunta de seguir apostando pola colaboración público-privada como a mellor fórmula para consolidar as posibilidades de que o proxecto AutoAncora poida formar parte da asignación final de fondos europeos Next Generation que realice o Goberno central.

 De feito, cómpre lembrar que se trata dun proxecto promovido polo conxunto da industria galega da automoción -o Grupo Stellantis, as empresas auxiliares representadas a través de Ceaga e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG)- co apoio da Xunta. Esta iniciativa, que prevé un investimento final que se aproxima aos 1.300 millóns de euros, aposta pola automoción do futuro co foco posto na sustentabilidade, a dixitalización e as novas tecnoloxías, o que se traducirá en oportunidades para avanzar en novos modelos e solucións innovadoras no caso de lograr esta asignación de fondos europeos.

 No marco deste compromiso trasladado polo presidente da Xunta a Muñoz Codina de seguir cooperando no impulso de proxectos que impliquen o desenvolvemento da industria da automoción galega, tamén se circunscribe a posibilidade de que Galicia forme parte dos futuros plans que se recollan na asignación de fondos europeos por parte do Goberno para a construción dunha planta de baterías. Neste sentido, a Xunta xa ten mostrado ao Executivo central a súa predisposición a apoiar calquera iniciativa que se traduza no desenvolvemento desta factoría en Galicia de cara ao futuro.

 Durante a reunión, Núñez Feijóo e Muñoz Codina tamén avaliaron a situación que atravesa o sector a nivel internacional pola crise dos microchips. Neste punto, o presidente da Xunta avogou pola necesidade de que exista un compromiso conxunto no que todas as administracións acompañen ao sector en Galicia dentro das súas competencias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario