28 de set. de 2021

DEPORTES

A 15k do Atlántico regresará no primeiro domingo de outubro

Un total de 600 participantes na carreira e 100 persoas na andaina percorrerán os 15 quilómetros entre Oia e A Guarda. 

O reto solidario de Banco Mediolanum permitirá recadar fondos para a Asociación Bicos de Papel.

  

As alcaldesas de Oia e O Rosal co alcalde A Guarda e membros das tres coproracións municipais, e da organización do evento, na presentación da VIII edición da 15K do Atlántico Banco Mediolanum

Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 A VIII edición da 15K do Atlántico Banco Mediolanum, que terá lugar o próximo domingo con saída en Oia, o paso pola costa do Rosal, e chegada na Guarda, entra nunha nova dimensión e da un empuxón máis para o “regreso á nova normalidade deportiva”. “O deporte é saúde”, coincidiron en firmar todos os presentes no acto de presentación da proba deportiva na mañá deste martes no porto de A Guarda. 

 Serán, como é habitual, 15 quilómetros de percorrido. Ademais, organizouse unha andaina na que poderán participar 100 persoas. Doarase un euro por cada inscrito para a Asociación Bicos de Papel, a través do proxecto solidario de Banco Mediolanum. Ademais, abriuse un reto solidario na plataforma “Mi Grano de Arena” para sumar máis doazóns.  

 Serán 600 os participantes e aínda queda algunha praza libre. A saída terá lugar ás 11 da mañá e o protocolo sanitario que se aplicará será o de facer saídas separadas no tempo. Realizaranse en grupos e cun intervalo de 30 segundos entre eles. 


Un momento da intervención de Serafín Martínez, na presentación que tivo lugar no paseo marítimo do porto de A Guarda

 Serafín Martínez, director deportivo da proba, sinalou que “esta carreira está consolidada e iso é moi importante. Chegar á oitava edición non é doado e é vital o apoio que se recibe, tanto de dos deportistas como dos patrocinadores”. Tamén desvelou que o percorrido tradicional sufrirá unha lixeira modificación no tramo inicial.  


A dereita da imaxe Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, nun momento da súa intervención

 As institucións públicas tamén apostaron pola 15K Atlántico Banco Mediolanum, tal e como fixeron dende a primeira edición. Cristina Correa, alcaldesa de Oia, resaltou que “a saída será nun escenario único: un mosteiro ao carón do mar. Isto xa convirte a proba en moi especial para nos”. Pola súa parte, Anxela Fernández, alcaldesa do Rosal, insistiu que “esta proba é unha gran experiencia deportiva cunha zona con parte de costa”. Pola súa parte, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, insistiu en que “é un día para gozar e é un novo paso máis para o regreso á normalidade”.  

 Ivonne Pousa, xerente territorial da zona norte de Banco Mediolanum, recordou os inicios da proba, cando se realizou un gran esforzo para sacala adiante: “Foi un esforzo moi importante, pero mereceu moito a pena. A filosofía mantense vixente e ademais trasladouse a outras competicións similares noutros lugares de Galicia”. 

 Nesta edición, a través do proxecto solidario Mediolanum Aproxima, colaborarase con Bicos de Papel, asociación que axuda aos nenos oncolóxicos co fin de apoialos e axudarlles na súa reinserción escolar. Ademais, a Delegación da Fundación Mediolanum duplicará as doazóns acadadas, entre 2.000€ e 5.000€.  

 A VIII Atlántico Banco Mediolanum, que conta co apoio dos concellos polos que transcorre a proba, da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e Froiz, tamén ten coma un dos seus obxectivos a promoción do Camiño Portugués pola Costa, un gran atractivo turístico. 

 Os 600 atletas farán o percorrido polos espectaculares escenarios do traxecto entre Oia e A Guarda, nunha proba xa considerada como emblemática. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario