CINEMA
'Eles transportan a morte', película canario-galega, premio Mario Serandrei á Mellor Achega Técnica na Semana da Crítica de Venecia
No equipo de producción do filme está Beli Martínez, de Filmika Galaika
'Eles transportan a morte', película canario-galega, dirixida pola galega Helena Girón (Santiago de Compostela, 1988) e por Samuel M. Delgado (Tenerife, 1987), gañou o Premio Mario Serandrei-Hotel Saturnia á Mellor Achega Técnica na Semana da Crítica de Venecia, sección autónoma do Festival de Cinema de Venecia.
O xurado recoñeceu "a súa capacidade para crear unha dimensión sonora inmersiva, na que a tensión entre figuras e contornas se amplifica e dialoga profundamente coa investigación visual dos autores", segundo o fallo. "Unha partitura de sons, ruídos e imaxes que alimenta unha historia de misterios, vida e morte, desde a dimensión do mito ata a deriva existencial dos personaxes", engadiu o xurado.
A película, de vocación experimental, lanza unha mirada crítica sobre a colonización e a construción do relato histórico. Escrita e dirixida a catro mans, está rodada integramente en galego, entre Ourense e Tenerife e pon en paralelo dúas tramas ambientadas en 1492.
A Semana Internacional da Crítica organízaa o Sindicato Nacional de Críticos de Cinema de Italia.
No equipo de producción do filme 'Eles transportan a morte' está Beli Martínez Martínez, de Filmika Galaika.
Bio-Filmografía de Helena Girón e Samuel M. Delgado
Os seus traballos indagan nas relacións entre mitoloxía, materialismo e percepción. As súas películas e instalacións foron programadas en festivais internacionais como: Toronto International Film Festival, Festival do filme Locarno, New York Film Festival, Festival de San Sebastián, Mar do Prata, International Film Festival Róterdan, FIC Valdivia, Curtas Vila do Conde, L’Âge D’ Or, Ann Arbor ou Media City Film Festival e centros de arte como o CCCB, BAM, TEA ou Solar.
Helena Girón (Compostela. 1988)
Realizou, xunto a Samuel M. Delgado, as películas Irmandade, Plus Ultra, Montañas ardientes que vomitan fuego, Sin Dios ni Santa María e as instalacions e performance Tambien aquí los dioses están presentes, No hay tierra más allá y Ejercicios de escucha. O que será a súa primeira longametraxe, Eles transportan a morte, foi seleccionada para o programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián e Tabakalera, entre os proxectos do estado español.
Tras licenciarse en Comunicación Audiovisual, realiza o Máster de Guion de Cinema e TV da Universidade Carlos III de Madrid e o Máster de Montaxe Cinematográfica da ESCAC.
Colabora como docente na ECAM, EQZE e IFIC.
Samuel M. Delgado (Tenerife. 1987)
Realizou, xunto a Helena Girón, as películas Irmandade, Plus Ultra, Montañas ardientes que vomitan fuego, Sin Dios ni Santa María e as instalacións e performance Tamén aquí los dioses están presentes, No hay tierrra más allá e Ejercicios de escucha. A que será a súa primeira longametraxe, Eles transportan a morte, foi seleccionado para o programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián Tabakalera entre os proxectos do estado español.
Colabora como docente na EICTV de San Antonio dos Baños (Cuba), ECAM, EQZE, Instituto del Cine de Madrid e IFIC.
É licenciado en Comunicación Audiovisual. Realizou o Máster de Guión de Cinema e TV da Universidade Carlos III de Madrid así como talleres internacionais da EICTV de guión e produción.
Co-escriviu o guión de Blanco en blanco, dirixida por Théo Court e premiada no Festival Internacional de Cinema de Venecia. Editou a curtametraxe Tout le monde aime le bord de la mer, dirixida por Keina Espiñeira, premiado no Festival Internacional de Cinema de Róterdan e nomeado aos European Film Awards.
Beli Martínez
Doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo coa primeira tese que estuda o Novo Cinema Galego e coa que obtén o premio extraordinario de doutoramento.
Licenciada en Comunicación Audiovisual e en Publicidade e Relacións Públicas é produtora en Filmika Galaika, empresa galega especializada en cinema autoral e que produciu os últimos traballos de Lois Patiño e Matías Piñeiro (Sycorax, 2021), Helena Girón e Samuel M. Delgado (Eles transportan a morte, 2021), Eloy Enciso (Longa Noite, 2019) e Jessica Sarah Rinland (Those that, at a distance, resemble another, 2019). As súas películas obtiveron o recoñecemento do xurado en festivais como Locarno, Mar do Prata, BAFICI, FICUNAM, Transcinema, Zinebi ou Play-Doc entre outros e víronse en centros como o MoMA, Museo Reina Sofía ou o Harvard Film Study Center. Na actualidade, desenvolve os seguintes proxectos cinematográficos de Lois Patiño e Matías Piñeiro, Jessica Sarah Rinland, Alberto Gracia ou Carlos Casas, entre outros.
Desde o ano 2012, en colaboración con Xurxo Chirro, desenvolve Proxecto Socheo, arquivo audiovisual da Guarda, co cal obtivo o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación. No ano 2016, xunto con Xisela Franco, produce o proxecto Cinema e Muller que ten como obxectivo visibilizar ás mulleres realizadoras galegas. Este proxecto ademais de realizar un mapeo das directoras produciu a película colectiva Visións.
Compaxina a produción audiovisual coa docencia na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e no IES Audiovisual de Vigo. Impartiu conferencias en universidades como Harvard, Edimburgo, Porto ou a Universidade do País Vasco.
Filmografía:
Eles transportan a morte (Helena Girón e Samuel Delgado, Longametraxe ficción 2021)
Sycorax (Lois Patiño e Matías Piñeiro, curtametraxe ficción 2021)
Os corpos (Eloy Domínguez Serén, curtametraxe documental 2020)
Longa Noite (Eloy Enciso, longametraxe ficción 2019)
Those that, at a distance, resemble another (Jessica Sarah Rinland, longametraxe documental 2019)
De barrio (Xurxo Chirro, longametraxe documental 2019)
Plus Ultra (Helena Girón e Samuel Delgado, curtametraxe ficción 2017)
Visións (varias autoras, longametraxe 2016)
Jeanette (Xurxo Chirro, curtametraxe ficción 2016)
Une histoire seule (Xurxo Chirro, longametraxe documental 2015)
Jet Lag (Eloy Domínguez Serén, mediometraje documental 2014)
Arraianos (Eloy Enciso, longametraxe ficción 2012)
Vikingland (Xurxo Chirro, longametraxe documental 2011)
Ningún comentario:
Publicar un comentario