O Concello conta cun novo escenario de plataforma baixa e 150 cadeiras para eventos
Grazas ao remanente do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra por un valor de 11.912,14€
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno local que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo público no día de hoxe que o Concello de A Guarda, a través da Concellería de Cultura, mercou un escenario de plataforma baixa e 150 cadeiras, grazas ao remanente do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra por un valor de 11.912,14€.
O escenario modular - fabricado en L´Alcúdia - Valencia - é unha plataforma cuxas dimensións máximas son 8x6m (48m2), con patas telescópicas regulables, en alturas comprendidas entre os 40 e 60cms, que permiten adaptalo a diferentes espazos.
Ademáis, a través da devandita subvención mercáronse un total de 150 cadeiras plegables, con 3 carros para o seu transporte, o que facilita o seu traslado e uso en eventos culturais. Son cadeiras lixeiras, confortables e sólidas que permiten unha fácil manipulación.
Este novo equipamento vén a cubrir necesidades específicas de certos eventos culturais motivadas pola pandemia da COVID-19, para mellorar a calidade técnico-artística de numerosas actividades que se celebran ao longo do ano na vila da Guarda.
Desde o equipo de goberno municipal destacan que "esta adquisición permite achegar ao público diferentes formatos culturais, amais de dispór dunha nova plataforma que mellora a conexión entre o público e os artistas."

Ningún comentario:
Publicar un comentario