29 de xul. de 2021

O ROSAL

O Rosal lanza a web da súa Memoria Viva 

O portal dá acceso a todo o material que se vaia creando ao abeiro deste proxecto de recompilación do patrimonio inmaterial vivo do municipio

   


Capturas de pantalla da web do proxecto Memoria Viva


Infogauda / O Rosal

 O Concello de O Rosal lanzou a web do proxecto de memoria e patrimonio inmaterial Memoria Viva, un traballo plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda dos bens intanxible do municipio, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio. 

 Nesta páxina estarán dispoñibles os vídeos documentais das persoas de idade que participen, nos que se recollen os coñecementos relativos a unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese. Ademais, tamén poderán atoparse os libros de pequeno formato de cada un dos participantes, para ler na páxina ou descargable en formato PDF e EPUB para libro electrónico. Nesta primeira edición o Concello contou coa inestimable colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación. 


 Nemesio Castro

 Nemesio é un pequeno gran home. Forma parte do legado do Rosal e non só polo seu vínculo especial cun valor patrimonial fundamental para o noso pobo como son os muíños. Moi faladeiro, o dono do último muíño activo do Folón e do Picón, fala sempre da súa terra e dos rosaleiros e rosaleiras con orgullo e paixón. 


Marcola González



 Marcola é unha muller avanzada aos seus tempos, que sempre foi un paso por diante da realidade que lle tocou vivir, rachando barreiras e teitos de cristal. A súa é unha historia de impoñerse aos tempos, á idade, ás adversidades e a calquera que a considerara unha persoa do montón. 

 A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández, destacou que este proxecto “nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario