22 de xul. de 2021

A GUARDA

O LIBRO PÁXINAS DA GUARDA FOI PRESENTADO NA CASA DOS ALONSO

· A Asociación InfoMAXE acredita unha vez máis, seu impagable labor de recuperación e divulgación do patrimonio cultural de A Guarda 



Aspecto que presentaba o salón de plenos do Concello de A Guarda, na presentación do libro
Fotos: Infogauda 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Na tardiña deste xoves día 22 de xullo, tivo lugar na Casa dos Alonso a presentación do libro "PÁXINAS DA GUARDA. Artículos (sic) editados nas festas de A Guarda anos 1994 – 2019."

 O devandito acto contou coa participación de Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda, e de Celso Rodríguez Fariñas, en representación da Asociación InfoMAXE.

 Diante dunha representación da corporación municipal e da veciñanza de A Guarda, e tamén doutras localidades da contorna, que de acordo coas normas sanitarias en vigor fixeran con antelación súas correspondentes reservas de praza, dado que o aforo era limitado; a concelleira de Cultura deu á benvida e agradeceu a asistencia do respectable público. A continuación informou que por motivos familiares o alcalde non podía estar presente nese acto. En calquer caso, Mª Montserrat Magallanes deu lectura a unhas verbas da autoría de Antonio Lomba Baz que figuran ao comezo do libro "PÁXINAS DA GUARDA", que entre outras cousas dí:

 “(...) Damos a benvida a esta publicación. A estas Páxinas da Guarda que falan de nós. Un volume para ter a man, para coñecer mellor a nosa historia ou simplemente para pasar unha migalla de lecer a ler ou a reler vellas historias sobre os nosos devanceiros. Un luxo para todos os que nos sentimos parte deste recuncho de Galicia (...)”. 

 Asemade, a concelleira de Cultura salientou o interesante contido do libro "PÁXINAS DA GUARDA" - cuxa publicación foi auspiciada polo Concello de A Guarda -, deténdose uns instantes nun dos artigos, para ler unhas liñas onde o autor descrebe os atractivos da nosa vila.

 Tamén puxo en valor o labor desenvolvido por Antonio Martínez Vicente, Celso Rodríguez Fariñas e José Ángel Gándara Rodríguez, membros de InfoMAXE, e a súa vez autores dos artigos recompilados no libro "PÁXINAS DA GUARDA", que con anterioridade foran publicados maioritariamente en diferentes libros-programas das Festas do Monte Santa Trega, así como doutras celebracións como ás Festas de Pascua, en Buxán; as Festas da Virxe do Carmo, Festas de San Caetano, Festas de San Roque, Festas da Virxe da Guía, Festas das Mercedes, etc. 

 Decimos maioritariamente porque nesa recompilación, tamén se inclúen textos doutros autores – entre eles, Juan Domínguez Fontela, Padre Baltasar Merino Román, S.X., Agustín Nandín Lomba, Julián López Ríos, José María Castroviejo, Xoán Noia Xil, Ángel Luis Troncoso Alonso, Ramón López Portela, Luis Bouza Brey, Alberto Ínsua, Cyrano, Julio de Castro,... -  publicados con anterioridade en semanarios e xornais –  p.e. La Voz del Tecla, Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo, La Integridad, La Opinión – Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, La Vanguardia,... – e mesmo en revistas, como El Eco de Galicia, Vida Gallega, La Ilustración Gallega y Asturiana, Boletín de la Real Academia Gallega (sic),...- e tamén en libros como Salcidos en Branco e Negro. Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos,..., boletíns etc., que nalgún momento foron escolmados para súa difusión, engrosando as páxinas de algúns dos devanditos libros-programas das celebracións festivas que antes citamos.

 Na súa intervención Mª Montserrat Magallanes tamén salientou que “(...) nestes tempos que nos toca vivir, a Cultura é segura, e mesmo necesaria para á supervivencia (...), para a continuación ler - como curiosidade que hoxendía podemos comprender mellor debido a pandemia que estamos aturando - unhas normas estabrecidas en 1918 na nosa localidade - e tamén noutras de todo o Estado - para combater á epidemia sanitaria que había naquela altura.

 Logo da concelleira de Cultura, fixo uso da palabra Celso Rodríguez Fariñas, que a xeito de resumo, comentou como foran os comezos da Asociación InfoMAXE, e do labor que seus membros veñen desenvolvendo e que teñen súa contrastada expresión na publicación no seu blogue - Páxinas da Guarda - de diferentes materiais (artigos, fotografías, carteis, biografías,...) procedentes do arquivo de Antonio Martínez Vicente - que Celso R. Fariñas non dubidou en consideralo, na súa opinión, como o mellor de A Guarda -, tamén de achegas de Juan [Bautista Martínez González], e de moitas familias de A Guarda e da súa comarca.

 Celso Rodríguez Fariñas referiuse tamén a audiencia que ten o blogue da Asociación InfoMAXE, que nestes días acadará 1.000.000 de páxinas vistas - nestes intres pasa das 965.000 páxinas vistas -, sendo moi habitual que a cotío pase das 400 páxinas vistas/día e en ocasións incluso das 1.000 páxinas vistas/día. Eses datos confirman o interese das persoas de A Guarda, tanto as residentes na nosa vila como noutras partes do mundo, con notoria participación de guardeses que están afincados noutros países europeos e tamén en América e noutros continentes.


De esq. a der.: Antonio Martínez Vicente, Mª Monserrat Magallanes Álvarez, Celso Rodríguez Fariñas e José Ángel Gándara Rodríguez, no exterior da Casa dos Alonso, trala presentación de "Páxinas da Guarda"

 Voltando ao libro que vén de presentarse compre  decir que con "PÁXINAS DA GUARDA" a Asociación InfoMAXE acredita unha vez máis, seu impagable labor de recuperación e divulgación do patrimonio cultural de A Guarda. Iso por unha banda. Por outra, demostra que mália a pandemia que desde comezos de 2020 azouta a toda a humanidade, os membros de InfoMAXE amosan unha encomiable actividade. De tal xeito que o confinamento obrigado que todos tivemos, motivou – neste caso - que o labor de recuperación documental e histórica, non se detivese. Dese xeito é un verdadeiro orgullo que A Guarda continúe sendo un referente na edición e publicación bibliográfica, que contribúen a un maior coñecemento dos feitos e dos protagonistas que forman parte da nosa identidade colectiva como pobo culto, emprendedor, solidario e xeneroso.

  Temos que decir que "PÁXINAS DA GUARDA" é un traballo de moita utilidade, non soio para as xeracións máis veteranas, senón para as do futuro, pois os lectores van gozar dun libro – que mesmo pode ter continuidade no futuro coa publicación doutros tomos de perfil semellante –; que acolle temas tan interesantes como os relativos “A Hirmandade (sic) do Clamor”; a fundación do Mosteiro benedictino da Transfiguración do Señor; os primeiros barcos pesqueiros a vapor de A Guarda; empresas de transporte de pasaxeiros de A Guarda; a fortaleza de Santa Cruz; o barco “Cabo Oropesa”; arqueoloxía (O Hércules, cerámica de Santa Trega,...); antigas industrias locais; eleccións  da xunta do Gremio de Mareantes do porto de A Guarda en 1844; a pandemia de gripe de 1918; barrios guardeses (A Cruzada, A Malata, Os Teares,...), deportes (fútbol, deportes náuticos,...); guardeses ilustres (D. Vicente Sobrino y Vicente, D. José Manuel Andreini y Verde, D. Prudencio Nandín Vicente, D. Juan Antonio Lomba Álvarez, D. Manuel Rivas de Amil, D. Teodomiro Táboas de la Gándara, D. Laureano Rodríguez Rodríguez,...), tradicións guardesas; os Templarios; As poubanas; historia postal de A Guarda; a estación corsaria de A Guarda; Salón-Cine Ideal; novas da prensa local; vilas e parroquias do Baixo Miño en 1747; Vodas de Prata do Colexio das Carmelitas; fotógrafos profesionais de A Guarda e súa comarca; personaxes de A Guarda (D. José Marino González de la Concepción, D. Manuel Ángel Lomba Vicente, D. José Gardeazábal Rivas,...), os coros ao longo da historia, ..., entre outros moitos.

 Como oportunamente dixo Celso Rodríguez Fariñas, o libro saiu a luz para que os guardeses e guardesas desfruten coa súa lectura e para que coñecendo mellor a historia de A Guarda amemos máis ao noso pobo.

 Rematada á presentación, todas as persoas asistentes recolleron cadanseu exemplar da publicación e compartiron un viño galego ofrecido polo Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario