O servizo de extinción de incendios e de salvamento é desde hoxe cen por cen público na provincia de Pontevedra
· Entra en vigor o novo modelo aprobado polo Consorcio Provincial que realizará a xestión directa como forma máis sostible e eficiente da prestación do servizo
Infogauda / Pontevedra
O servizo de extinción de incendios e de salvamento que presta o Consorcio Provincial, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia, é desde hoxe, 1 de xuño, 100% público. Esta medianoite pasada entrou en vigor o pase á xestión directa da prestación do Servizo culminando así o laborioso proceso que desemboca no cambio de modelo que, como reflectiu a Memoria que regulou os aspectos sociais, xurídicos, económicos, técnicos e financeiros, é o máis sostible e eficiente.
Así, a xestión dun servizo esencial para a cidadanía como é o salvamento e a extinción de incendios volve ser pública, co que a Deputación cumpre co compromiso que fixo no seu día á parte social, xa que o modelo directo supón a subrogación do persoal operativo que traballa nos catro parques do Consorcio: O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía. Desde as 00.00 h de hoxe pasou a ser persoal indefinido non fixo, ata que se cubran as prazas para a súa cobertura definitiva, e sigue a gozar das mesmas condicións nas que traballaba coa xestión indirecta ao través da empresa Matinsa.
A presidenta, Carmela Silva, expresou o seu recoñecemento aos equipos por un "traballo moi complexo e laborioso" para levar a cabo con éxito o proceso, e subliñou o "enorme esforzo que se realizou para poder cumprir co procedemento en tempo en forma".
O orzamento 2021 do Consorcio Provincial e a adaptación do cadro de persoal e retribucións para este exercicio xa foron adaptados á nova situación de xestión directa, despois de que o pleno da Deputación dera luz verde á necesaria modificación de crédito para a súa tramitación dentro do Orzamento Xeral da institución, proceso que finalizou este pasado luns coa súa publicación no BOPPO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario