8 de maio de 2021

VIGO

A CIG denuncia explotación laboral nunha auxiliar de Citroën que adapta vehículos policiais para o Goberno de Arxelia 

Tamén lle trasladará á Inspección que as instalacións de TKRW Automotive non cumpren as condicións mínimas de seguridade 


Infogauda / Vigo

 A CIG vai presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo polas condicións de explotación laboral que padece o persoal da empresa portuguesa TKRW Automotive, encargada da adaptación de vehículos de Stellantis (PSA Citroën) para transformalos en coches policiais para o Goberno arxelino. A federación de Industria de Vigo tamén lle vai trasladar á autoridade laboral que a nave que acolle as instalacións da compañía, situada dentro do peirao de Bouzas, non cumpre as condicións mínimas de seguridade. 

 Dende a CIG-Industria de Vigo sinalan que TKRW aplícalle aos seus traballadores/as -todos/as eles/as contratados/as mediante a ETT Synergie- o convenio de comercio do metal, no canto do convenio provincial do metal, o que supón diferencias superiores aos 200 euros mensuais. “Son contratados/as por unha ETT con infrasalarios, con categoría de mozo-peón, aplicándolles un convenio que non entra dentro da actividade que realizan, e tampouco gozan dos descansos que ten o persoal do metal que traballa con altos ritmos”, censuran. 

 Ademais, desenvolven o seu traballo “nunhas condicións deplorábeis, sen adecuación ergonómica dos postos, colocando os diferentes compoñentes dos vehículos tirados polo chan, nunha nave de chapa pegada ao paseo marítimo de Bouzas -dentro das instalacións da Zona Franca- sen ningún tipo medida de seguridade contra a calor e contra o frío, sen vestiarios e cun baño de obra fóra das instalacións da nave”. E tamén sen cumprir co protocolo covid que se lles esixe ás empresas do sector. Por se isto fose pouco, a transformación dos vehículos faise sen medidas de seguridade, “até o punto de que os propios/as operarios/as teñen que aportar os EPI e a roupa de traballo”. 

Paralización da actividade 

 Na CIG consideran que tanto o Consorcio da Zona Franca como a propia Stellantis son cómplices da explotación laboral que padecen estes/as traballadores/as do sector da automoción, e coa súa denuncia diante da Inspección pretenden que se lle poña fin canto antes, “paralizando incluso a actividade da empresa mentres no cese esta situación”. 

 Finalmente, instan os principais representantes da Zona Franca -o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como presidente, e o delegado do Estado, David Regades, como vicepresidente- “a estar máis atentos ás condicións laborais que se aplican aos traballadores/as dentro das instalacións que están baixo a súa responsabilidade como cargos políticos do PSOE”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario