OLIVIA E O CLARINETE MÁXICO, NOVO LIBRO DE FRANCISCO ÁLVAREZ - KOKI
·Está ilustrado por Emilio Baz Pacheco
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Cando todo parece indicar que imos mellorando no referente a crise sanitaria, reconforta constatar que namentras algúns especulan coa orixe do problema, ainda quedan persoas que teñen vontade de achegarnos algo de esperanza.
E non se trata soio da saúde da cidadanía, que certamente é un ben prezado e temos o deber de coidala e de coidarnos, senón da saúde lingüistica, que é un patrimonio que deberiamos mimar. E vemos que non é así, xa que en moitas ocasións no noso camiñar cotiá comprobamos como a nosa lingua nai está nunha situación endémica. E de feito non se atopa nos seus mellores momentos.
E así o comprobamos a cotío, cando ollamos e escoitamos, como avós que naceron no seo de familias galego parlantes, e sempre falaron na lingua materna, falánlles a seus netos noutra lingua diferente. Situación que tamén podemos verificar noutros ámetos, mesmo no docente, onde unha parte considerable do alumnado exprésase a cotío en castelán. E iso, é indicativo que ainda respectando á liberdade persoal do noso próximo, tal vez algo non se esté facendo ben.
Esa é a impresión que temos.
Por iso, resulta esperanzador que nesa situación que podemos cualificar de anómala, merecente de adoitar medidas dirixidas a procurar correxir esa deriva, o escritor, poeta e xornalista Francisco Álvarez – Koki, continúe seu labor de creación literaria, poñendo o foco no lectorado infantil. E así deu o prelo títulos como Un neno na emigración, Vasoiras Barreiro, El Libro de Lourenzo (poesía infantil),… e agora Olivia e o clarinete máxico.
Olivia e o clarinete máxico, de Francisco Álvarez - Koki, é un libro de literatura infantil, en edición trilingüe (galego, castelán e inglés), dos que contribúen a crear un novo lectorado, cunha maior proxección, non soio en edades temperás, senón para o sucesivo.
A sinopse do libro dinos que a "Olivia, encántalle subir o faiado da casa dos seus avós, para buscar tesouros de outros tempos. E alí, un bó día, atopa o clarinete do seu bisavó Pepe. Un instrumento moi especial que tocaba cando ela inda estaba no ventre da súa nai, e que cambiará a vida da pequena para sempre.
Descobre esta fantástica historia, sobre o valor das tradicións familiares e o amor pola música".
O libro - editado por Mr. Momo, a editorial infantil e xuvenil española máis premiada nos International Latino Book Awards con 17 categorías gañadoras no ano 2019 - conta cunha portada e dibuxos nás páxinas interiores da autoría do artista guardés Emilio Baz Pacheco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario