28 de abr. de 2021

VIGO

O Concello de Vigo prohibe finalmente a asemblea do seu persoal con escritos aos xefes/as de área para que impedisen acudir aos traballadores/as 

· A CIG anuncia que vai presentar unha denuncia nos Xulgados contra esta “decisión antidemocrática” 


Concentración de persoal municipal na Praza do Rei, diante da Casa do Concello de Vigo
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 “O Concello de Vigo prohibiu finalmente a celebración da asemblea prevista para hoxe na que o persoal municipal ía abordar xunto ao comité a falta de diálogo co Goberno local e o proceso de privatización e precarización dos servizos públicos como consecuencia da falta de traballadores/as. A Concellaría de Persoal remitiulles escritos aos xefes/as de área onte pola noite para que impedisen que os empregados/as públicos/as puidesen acudir á cita”. Dese xeito, resume á central sindical CIG o acontecido, polo que xa anunciou que presentará unha denuncia nos Xulgados contra esta “decisión antidemocrática”. 


Concentración de persoal municipal ás portas da Alcaldía e da Concellaría de Persoal do Concello de Vigo

 Os intentos do Goberno local vigués por boicotear a asemblea e impedir o dereito de reunión do persoal municipal provocaron a suspensión do encontro, que foi substituído por unha ruidosa protesta dos representantes sindicais, primeiro nos exteriores do consistorio e despois ás portas da Alcaldía e da Concellaría de Persoal, afirman desde a CIG.

 Na CIG entenden que se trata dunha “decisión antidemocrática” e critican tanto o fondo como as formas. “Foi comunicada mediante escritos aos xefes/as de servizo para que non deixasen saír os traballadores/as e fíxose con menos de 24 horas de antelación, un defecto de forma que incumpre os requisitos legais”. Por iso presentarán unha denuncia nos Xulgados, de igual xeito que fixeron para garantir o dereito de folga dos bombeiros/as e contra os servizos mínimos abusivos. 

 “Se esta é a presentación da nova concelleira de Persoal, que saiba que nos vai ter enfronte dende o primeiro día”, sinalan dende a central sindical. “Semella que os servizos públicos e o emprego de calidade son o menos importante para este Goberno local”, lamentan. Finalmente, lembran que “é a primeira ocasión que en democracia o Concello de Vigo impide a celebración dunha asemblea de traballadores/as”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario