13 de abr. de 2021

TURISMO

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para solicitar o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe un dos case 700 establecementos que xa se uniron ata agora á iniciativa, o que supón un 24% máis que na convocatoria do ano pasado 




A segunda edición do programa permitirá mobilizar 6,8M€ para reactivar o sector turístico a través do fomento do consumo interno  

Alfonso Rueda confía en revalidar o éxito da convocatoria anterior, na que se acadou practicamente o 100% dos 20.000 usuarios previstos


Infogauda / Galicia 

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para solicitar desde mañá o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia que se poderá empregar nas ofertas e paquetes publicados polos establecementos adheridos nesta segunda convocatoria do programa.  

 Así o anunciou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na visita ao Noa Boutique Hotel de Oleiros, unha das case 700 empresas que xa se uniron á iniciativa ata agora, o que supón arredor dun 24% máis que na convocatoria do ano pasado, que contou coa participación de 560 empresas. Así, esta nova convocatoria, posta en marcha xunto co Clúster Turismo de Galicia, permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno mediante o estímulo do consumo e a demanda interna.  

 Poderán presentar a súa solicitude tódalas persoas maiores de idade empadroadas nun concello da comunidade e que non resultaran beneficiarias da primeira edición. Deberán escoller entre tres importes da tarxeta prepago -250, 375 ou 500 euros- da que a Xunta financiará o 60% cunha achega máxima de 300 euros e o solicitante o 40% restante.  

 Unha vez enviada a solicitude a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), atenderanse por orde de entrada e se se cumpren os requisitos esixidos notificarase aos beneficiarios que realicen o ingreso da parte que lle corresponda do importe da tarxeta elixida para que a entidade bancaria colaboradora poida remitirlle ao seu domicilio a tarxeta coa contía total. O programa estará vixente ata o 15 de decembro deste ano, data tamén de caducidade das tarxetas para empregar en calquera dos servizos ou produtos ofertados dispoñibles na web https://turismo.gal/quedamosengalicia2.  

 Alfonso Rueda destacou que os datos do ano pasado avalan o éxito deste programa, con case 20.000 beneficiarios, practicamente o 100% dos usuarios previstos. Por iso, tendo en conta que nesta ocasión a convocatoria se abre a toda a cidadanía e que o as empresas poden continuar adheríndose ata finais de ano, confía en acadar un efecto multiplicador e chegar a moita máis xente.  

 Nesta liña, destacou que o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro mediante medidas como o seguro coronavirus ou con iniciativas coma esta encamiñadas a reactivar o turismo galego, no marco do plan de choque para reforzar o sector turístico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario