16 de abr. de 2021

MOVEMENTOS SOCIAIS

 


MANIFESTO POLA RECUPERACIÓN DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO GALEGO TRALA PANDEMIA DA COVID-19 

ÁREA SANITARIA DE VIGO

 

SOS SANIDADE PÚBLICA denuncia a utilización política e partidista da COVID-19 por Núñez Feijóo, que acapara toda a información e decisións sobre a pandemia nos medios de comunicación, aproveitando o traballo realizado polo persoal da sanidade pública no seu beneficio político e persoal.

A pandemia chegou a unha Atención Primaria debilitada a deteriorada polos gobernos do PP, sen suficientes recursos humanos, materiais e organizativos. A Atención Primaria, que tería que ser fundamental para o seguimento, control e tratamento de enfermxs da COVID-19, tanto nos Centros de Saúde como nos seus domicilios, encontrouse ca falta de recursos, que limitou a súa capacidade para poder asumir esas novas funcións e poder continuar atendendo adecuadamente as outras patoloxías e demandas da poboación.

As  barreiras de acceso aos Centros de Saúde e ás especialidades hospitalarias (que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas e non poder dedicarse as outras enfermidades non COVID-19), afecta á saúde da poboación e está xerando un gran malestar, tanto do persoal sanitario, como a nivel social; xs profesionais dos centros sanitarios, aos que se culpa pese a ser insuficientes, onde moitxs delxs están en precario, pero iso sí, sempre comprometidxs.

A dificultade para comunicar cos centros de saúde e para recibir unha asistencia presencial, favorece que a poboación recorra ao sector privado o que incrementa as desigualdades de saúde. Recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos Centros de Saúde, non debe supoñer volver á situación anterior de masificación e medicalizacion da Atención Primaria.

A responsabilidade da situación nos Centros de Saúde e Hospitais é do SERGAS e da Consellaría de Sanidade, de onde saen as ordes para aplicar logo nos Centros.

Seguimos sen ter información transparente da situación de saúde e dos problemas coas vacinas que esta a crear gran preocupación social. A Xunta, aproveitouse desta alarma social, para modificar, por segunda vez, a Lei Galega de Saúde coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional. O apoio social á loita contra a COVID-19, debe basearse no acordo e colaboración da poboación e non no temor a unhas sancións represivas e desproporcionadas. Resulta intolerable utilizar a pandemia para unha manobra de claro márketing político. Recordemos que na anterior reforma da Lei Galega de Saúde, quitáronse catro Áreas Sanitarias e a posibilidade da Participación Cidadá.

A Área Sanitaria de Vigo fixo fronte á Pandemia nunha situación xa deficitaria en recursos humanos e en infraestruturas sanitarias públicas, estando a asistencia sanitaria dunha parte da poboación  en mans de empresas americanas a través do concerto con POVISA.

A Atención Primaria da Área de Vigo xa levaba anos en conflito por unha situación desesperada para profesionais e pacientes e a Pandemia non fixo máis que evidenciar esta situación.

A Atención Hospitalaria queda sen infraestruturas no ámbito urbano da cidade de Vigo, o que facilita a expansión de POVISA, ao renunciar o SERGAS á construción dun Centro de Alta Resolución, que ben podería ser situado no antigo Centro de Especialidades da Doblada, e que sería unha importante axuda para facer máis accesibles os recursos asistenciais.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, facemos un chamamento a poboación e axs profesionais sanitarixs, para unha gran mobilización cidadá, que esixa o fin da utilización partidista da pandemia e a elaboración dun Plan para a Recuperación do Sistema Sanitario Público en Galicia.

Os orzamentos da Xunta, e a financiación que veña da Unión Europea, deben destinarse a incrementar profesionais, darlles estabilidade e evitar a precariedade, mellorar as infraestruturas da atención sanitaria, a investigación de saúde, e aumentar categorías profesionais, como xs Psicólogxs Clínicxs, Terapeutas Ocupacionais, Fisioterapeutas, Logopedas, etc

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, convoca concentracións en tódalas localidades de Galicia, o 21 de abril, ás 20 horas.

Na Área Sanitaria de Vigo as Concentracións serán:

Vigo: diante das escaleiras do MARCO, na rúa do Príncipe.

Cangas: diante do Concello de Cangas.

Val Miñor: na Alameda da Ramallosa.

Baixo Miño: na praza Avelino Vicente (Ás de Copas), A Guarda.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario