O Concello de A Guarda impulsa o emprego coa contratación de 13 persoas ao abeiro do Plan Concellos
• En total, a Deputación de Pontevedra realizou unha achega de 152.227,90€ a través da Liña 3 de emprego, para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais
Infogauda / A Guarda
Na mañá deste xoves día 15 de abril de 2021 o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Persoal, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero, deron a benvida aos 13 novos traballadores que se veñen de incorporar recentemente grazas á Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
Nesta benvida, o alcalde da localidade recordoulles que están ao servizo da cidadanía de A Guarda, polo que deben de esmerarse nas súas tarefas e realizalas dun xeito correcto para que o conxunto da cidadanía da vila saiba valorar e pór en valor os seus respectivos traballos.
O concelleiro de Vías e Obras fixo especial fincapé naquelas habilidades especiais que teñen algún deles, como son os coñecementos en soldadura, pintura, carpintería, albanelería,…, para tentar optimizar ao máximo e organizar axeitadamente os seus traballos.
Pola súa banda, a concelleira de Persoal, puxo en valor esta aposta polo emprego de persoas desempregadas que se fai dende o Concello, dando unha oportunidade para mellorar a súa situación laboral e persoal, agradecendo tamén a achega da Deputación de Pontevedra para este fin.
En total o Concello de A Guarda conta con 13 novos traballadores que prestarán servizos na recollida de residuos urbanos, limpeza, conserxería, auxiliar para cultura, informática,…, e con contratos que varían entre 7 e 8 meses de duración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario