23 de feb. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño continúa os labores de mantemento e renovación do arboredo municipal  

Xa procedeu á poda de exemplares no Campo da Feira e continuará coa revisión exhaustiva do resto de árbores situadas en zonas públicas  

 

Os traballos comezaron esta mesma semana coa poda habitual dos exemplares situados no Campo da Feira - Foto: C.T.

 

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa a traballar nos labores de mantemento e renovación de todo arboredo municipal de cara a preparar e acondicionar as zonas verdes tomiñesas. "Estes traballos comezaron esta mesma semana coa poda habitual dos exemplares situados no Campo da Feira e continuarán coa revisión do resto de árbores situadas en zonas públicas para o seu correcto tratamento, xa que se detectaron algúns exemplares en mal estado e que poden presentar riscos para a veciñanza". 

 Neste sentido, "está prevista a retirada de varios exemplares no propio Campo da Feira e na alameda de Goián e a súa substitución por outros máis axeitados para a contorna. Así, no Campo da Feira detectouse tamén catro acacias e un plátano situado nunha zona de paso de viandantes con procesos irreversibles internos de podrecemento ineficaces ante calquera mecanismo de limpeza ou desinfección fitosanitaria e que supón un alto risco para as persoas usuarias. Por este motivo, procederase a substituílo nun futuro próximo por unha especie de menor porte, globoso e con mínima intervención de poda no futuro que poida desenvolverse de forma natural", indicaron desde o Equipo de Goberno Municipal. 

 "Outra das zonas onde se intervirá será Goián onde ademais de haber cinco exemplares de chopos con importante risco de caída polas ocos que presentan nos trocos. Tendo en conta o seu avanzado estado de apodrentamento e que están situados nunha zona de lecer moi empregada polos tomiñeses e tomiñesas, estas árbores serán retiradas. Substituiranse en vindeiras datas por exemplares dunha especie de ramaxe máis horizontal que proporcione sombra con floración e coloración autóctona.  

 Xunto a estas dúas áreas, o Concello inspeccionará todos os parques e zonas verdes municipais para garantir a saúde do arboredo e evitar riscos para a veciñanza".

Ningún comentario:

Publicar un comentario