22 de feb. de 2021

TOMIÑO

Videoxogos e escape room educativo centran a nova oferta formativa da OMIX de Tomiño 

As persoas interesadas en participar nestes cursos que se celebrarán no mes de marzo xa poden inscribirse a través da páxina web do Concello  

 


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño oferta a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) dúas novas actividades formativas en modalidade online para o próximo mes de marzo a través das que as persoas participantes achegaranse a diferentes proxectos educativos cos videoxogos e un escape room como protagonistas.  

 Así, o primeiro curso en arrancar en marzo será sobre escape room educativo, unha técnica lúdica e educativa que fomenta o traballo en equipo e a toma de decisións, entre outros beneficios. Dirixido a docentes, educadores/as e orientadores/as, nesta modalidade descubrirán unha forma de motivar ao alumnado e de presentar de forma orixinal os contido. O curso tamén está destinado a mozos e mozas interesados poderán aprender a interiorizar conceptos educativos que estean a estudar a través do xogo, creando o seu propio escape room e desfrutando de todas as súas vantaxes e estratexias.  

 As clases serán luns, mércores e venres de 18.00 a 21.00 horas dende o 12 de marzo ata o 12 de abril. O curso terá un custe de 10€ e todas as persoas interesadas poden inscribirse inscribirse xa a través da web do Concello en https://tomino.gal/curso-escape-room-educativo/.

CURSO DE VIDEOXOGOS EDUCATIVOS E PLATAFORMAS PARA VIDEOXOGAR

 Outro dos cursos do mes será o de videoxogos educativos e plataformas para videoxogar. Trátase dun curso intensivo de 4 horas a través de Zoom os días 20 e 21 de marzo (de 17.00 a 19.00 horas) no que se falará dos cambios nos videoxogos nos últimos anos e como estes inflúen actualmente na sociedade, repasando os tipos que existen, as ferramentas para a socialización dentro deles e os perigos que se poden atopar neste mundo dixital.  

 


  Ademais, as persoas interesadas tamén coñecerán os diferentes métodos de comunicación social nos videoxogos e aprenderán a utilizar ‘Discord’, unha das plataformas máis empregadas actualmente, crearán o seu propio servidor e traballarán con esta aplicación descubrindo todas as súas habilidades comunicativas. O custe do curso será de 10€ e pode facerse xa a inscrición a través da web municipal en https://tomino.gal/curso-online-de-videoxogos-educativos-e-plataformas-para-videoxogar/.

Ningún comentario:

Publicar un comentario