A Deputación de Pontevedra énchese de forza, enerxía, reivindicación e música coa maxia de Rosalía de Castro
Escolares do CEIP A Xunqueira I puxeron voz desde o colexio ás obras da autora e nenas e nenos de ata 20 concellos enviaron case mil debuxos para o certame "A nosa Rosalía"
Carmela Silva presidiu está mañá os actos na honra de Rosalía de Castro - Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A forza e a enerxía de Rosalía de Castro envolveron hoxe o Pazo Provincial no acto institucional co que a Deputación de Pontevedra conmemorou o 184 aniversario do nacemento da escritora. Un acto no que a pegada da galega máis universal estivo presente na súa obra poética, musicada pola cantante Uxía Senlle, e lida e debuxada polos e polas escolares da provincia, auténticos protagonistas da xornada e "herdeiros e herdeiras da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa Rosalía", como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva. Xunto a eles e elas, personalidades como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, ou o Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, amais de representacións da cultura, arte e igualdade, participaron nesta xornada, que terá a súa continuación pola noite coa proxección da imaxe e do pensamento da autora nas fachadas da Deputación en Pontevedra e en Vigo e en varios concellos da provincia.
O salón de plenos do Pazo engalanouse con camelias "Rosalía" e luz violeta para reivindicar a vixencia do pensamento feminista e reivindicativo rosaliano, amosado en primeiro lugar nun vídeo proxectado con varios dos seus escritos e que deu paso á actuación musical de Uxía, acompañada de Sergio Tannus (guitarra) e Santiago Cribeiro (acordeón), que interpretaron tres temas, "Rosalía pequeniña", "Bos Amores" e "Deiche o corazón na man". Como destacou a cantante, "para nós a figura de Rosalía é reverencial, e unha figura totalmente vixente, o reto que temos agora é que sexa universal".
Un sentimento que compartiron nas súas intervencións a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Rosalía é como Galicia –manifestou Carmela Silva-. É nome de muller, epítome da muller galega adiantada ao seu tempo, loitadora, inconformista. Está máis presente que nunca porque o seu pensamento é un pensamento sempre vixente. Rosalía é nosa e é universal, porque o seu pensamento o era. Criticaba cuestións de enorme actualidade, como a dureza das migracións e non hai sociedade avanzada se negamos a algún ser humano". "Amaba á súa terra, e denunciaba inxustizas ao pobo pero tiña unha mirada optimista sobre Galicia. Porque si, somos un país de presente e futuro moi potente e ela xa o cantaba, xa o escribía." A presidenta subliñou a necesidade de, 184 anos despois, non só de celebrar, senón de "seguir reclamando e defendendo" a Rosalía, "unha muller que nos representa como pobo e que representa a nosa lingua, que temos que seguir defendendo, como a que constrúe o pensamento do noso pobo, do que nos sentimos orgullosos.. Rosalía loitou contra un tempo que lle quedaba escaso. Foi unha muller nun mundo de homes. Foi feminista, das primeiras, e moitos dos seus escritos así o deixan ver". Neste senso, citou "Lieders", de 1858, considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia e tamén en todo o Estado, e concluíu lendo un texto do prólogo de "Follas Novas".
Pola súa banda, o alcalde pontevedrés subliñou as facetas ecoloxista, culta e feminista de Rosalía, a quen definiu como "adiantada aos nosos tempos", e especialmente valorou o sentimento de orgullo da súa terra: "Defendeu ao seu pais, amaba á súa terra, a súa lingua e cultura. Como galega estaba no mundo orgullosa e iso é un dos sentimentos que máis me fai participar da vida publica; defender a autoestima de ser galegos". Concluíu reivindicando a lectura e "afondamento" na obra de Rosalía "porque sempre se que reles atopas cousas que te sorprenden e enchen de ánimo para seguir traballando". Tamén a deputada provincial de Lingua, María Ortega, lembrou a necesidade de recordar a Rosalía como "unha muller alegre, pioneira do feminismo e empoderamento feminino nunha sociedade que a marxinaba", e destacou a participación das crianzas no acto "porque serán quen transmitan a nosa lingua ás novas xeracións".
No transcurso do acto, a escritora Anna R. Figueiredo deu lectura ao manifesto co que este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora o Día de Rosalía, e que ela elaborou. Un texto no que sinalou que "ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar" e subliñou a necesidade de reivindicar á autora e "engarzarte na gorxa para que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo". "Ser Rosalía un acto de rebeldía –dixo- , é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire como cen saetas. Non precisamos máis, só mirar, Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora de pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e crear un país sublime".
Que a palabra de Rosalía ten presente e futuro o amosaron varios escolares do CEIP A Xunqueira de Pontevedra, que coa súa mestra, Carmen Quinteiro, participaron no acto a través da lectura telemática de varios textos da autora. En concreto, Abel Mourente, Julia Arza, Antonio Rodríguez, Aldara Fraguas e Carla Canabal foron os encargados de poñer voz aos poemas rosalianos nunha emotiva intervención.
Concurso Infantil "A nosa Rosalía"
Este ano, un dos propósitos da programación foi achegar ás crianzas a figura de Rosalía, a través dun concurso de debuxos "A nosa Rosalía", dirixido ao alumnado da provincia. E os preto de mil debuxos recibidos de 4o centros e 20 concellos amosan, como se destacou no acto, a magnífica resposta recibida por parte dos escolares e os seus mestres e mestras. A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, deu a coñecer a lista de gañadores destes premios, que consistirán en agasallos para os e as galardoadas e os seus centros. Na categoría "Campaniñas", para escolares de 6 a 8 anos, o premio especial foi para Nicolás Coronel, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo), e se seleccionaron os traballos de Pablo Pereira Barreiro, do CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei); Teba Martínez Sanmartín, do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo) e Clara Montenegro, do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar. Na categoría "Airiños", de 9 a 11 anos, levou o premio especial Malena Jamardo Cravello, do CEIP Alfonso VII Caldas de Reis e seleccionáronse os debuxos de Nerea Alonso, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo); Nuria Figueira, do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) e Érika Rodriguez Alvarez, do CEIP Sobrada (Tomiño). A maiores, tamén conseguiu un primeiro premio Álex González, do Centro de Educación Especial de Vilagarcía.
A xornada culminará esta tarde con "Proxectando a forza de Rosalía!", o mapping do pensamento e imaxe de Rosalía de Castro que se plasmará nas fachadas das sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra que se lanzará a partir das 19.30 horas e manterá ata o 3 de marzo. Esta mesma proxección tamén se poderá ver á mesma hora nun prendido colectivo en edificios sinalados de Bueu, Caldas, Oia, O Rosal, Salvaterra e Silleda. Amais, a Deputación dinamiza a xornada a través das redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía,
Ningún comentario:
Publicar un comentario