11 de xan. de 2021

O ROSAL

Comezan as obras de reforma íntegra do mercado do Rosal  

Esta primeira fase, cun custo de máis de 207.000€, arranca o martes 12 de xaneiro e ten previsto estar rematada en menos de tres meses  

 

Os praceiros e praceiras abriron xa os seus postos no mercado provisional habilitado na Escola Simón do Mazo, acondicionada polo Concello para poder dar o servizo   

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal iniciará este martes 12 de xaneiro a primeira fase das obras do seu mercado, unha reforma íntegra da praza de abastos para convertela nun espazo vivo no que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. “Son os primeiros pasos para que o mercado sexa un polo de atracción non soamente para a veciñanza, senón tamén para o comercio local e mesmo para novas persoas emprendedoras que ven na praza de abastos unha oportunidade”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.  

 Para seguir ofrecendo o servizo á veciñanza e que os praceiros e praceiras poidan ter abertos os seus postos nun espazo alternativo mentres dure a reforma do mercado, o Concello remodelou e acondicionou a Escola Simón de Mazo para adaptalo á nova actividade. Así, dende este mesmo luns 11 de xaneiro os praceiros e praceiras xa abriron os seus postos ao público neste edificio que funcionará como mercado provisional.  

Remodelación interior 

 O proxecto de reforma do mercado está enmarcado no plan de desenvolvemento local, co que o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción dunha praza de abastos como centro de dinamización económica e social da contorna”. Nesta primeira fase levaranse a cabo os traballos de remodelación interior do actual edificio do mercado, construído en 1954. 

 Mentres que no exterior repararanse deficiencias e elementos deteriorados na cuberta, no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e tenda de conveniencia con espazo para venda e promoción de produtos locais. 

  A remodelación é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí procedeuse á elaboración de plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en marcha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado, explicou Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario