Novembro, mes da igualdade e da prevención da violencia de xénero no Rosal
O Concello pon en marcha unha programación con intervencións artísticas, cine, charlas e exposiciónspara público de todas as idades
A alcaldesa e a concelleira de Igualdade, presentando a programación de actividades
Infogauda / O Rosal
O Rosal continuará revolucionando mentes este mes de novembro. O Concello ten preparada unha programación enfocada a traballar a igualdade e a previr a violencia de xénero, con actividades dirixidas a público de todas as idades. Dada a situación epidemiolóxica, para poder achegar estas accións ao maior número posible de persoas, as actividades serán levadas ás aulas e retransmitidas nas redes sociais do Concello.
Para os máis cativos, o luns 23 de novembro (11.00 horas) proxectarase de forma simultánea en todas as aulas do CRA María Zambrano e nas de 1º e 2º de educación primaria do CPI Suárez Marquiera película ‘Zog, dragones y heroínas’, un filme de dragóns e princesas cun aire diferente: os protagonitas, unha princesa que quere estudar medicina e un dragón que non quere raptar princesas, rachan con todos os estereotipos asociados ao seu papel habitualmente nas películas.
Este traballo pola igualdade chegará tamén de xeito directo aos centros escolares, onde nenos e nenas pintarán unhas mans que quedarán levantadas contra a violencia de xénero nas súas aulas. O público xeral poderá desfrutar desta acción a través das fotos que se compartirán nas redes sociais do Concello.
Pola súa banda, o alumnado de 1º e 2º ESO do CPI está xa participando obradoiros sobre ‘Afectividade’ e ‘Outras formas de querer’ impartidos pola educadora familiar municipal e que se desenvolverán ata o vindeiro mes de decembro. Ademais, o alumnado de 3º ESO do CPI xa está participando en diferentes obradoiros e traballando na elaboración de curtas a prol da igualdade ao abeiro do proxecto audiovisual Claqueta Violeta. Os traballos finais serán retransmitidos nas redes sociais municipais.
Dirixida a eles tamén irá a charla ‘Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero’, que impartirá o vindeiro 25 de novembro (12.00 horas) Txema Olleta Ormaetxebarria, membro de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas. Esta charla estará a disposición tamén do público xeral a través das redes sociais do Concello.
De forma complementaria a todas estas actividades realizaranse varias intervencións artísticas de diferentes tipos, como os ‘Farrapos morados’ pintados polo alumnado de secundaria do CPI e inaugurarase o mural ‘Revolucionando Mentes’, feito pola artista Tamara Baz no Campo Municipal da Mata. Na casa do Concello poderá verse a exposición fotográfica ‘Eu tomo partido contra a violencia de xénero’, a cargo do Club Ciclista do Rosal.
O día 25 de novembro ás 12.00 horas procederase á lectura do manifesto polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero na Praza do Calvario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario