6 de xul. de 2020

A GUARDA

A Bandeira Azul xa ondea na praia de Area Grande 

· O distintivo correspondente á praia do Forte, en Camposancos, será izado cando rematen as obras de mellora da accesibilidade
 

O alcalde, a concelleira de Turismo e a técnica de Turismo do Concello de A Guarda, xunto con dous socorristas, nos momentos previos ao izado da Bandeira Azul na praia de Area Grande
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Un ano máis as praias de O Forte (Camposancos) e Area Grande, do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de Bandeira Azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.  

 Na xornada deste luns día 6 de xullo de 2020 o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Turismo, María Elena Baz Rodríguez e a técnica de Turismo, Rosalía Verde Pérez, achegáronse ata a praia Area Grande para realizar o izado da Bandeira Azul neste areal atlántico, que ao igual que a praia do Forte - popular e internacionalmente coñecida como praia do Muiño -, en Camposancos, na desembocadura do río Miño, recibiu novamente este importante distintivo. 

Un dos socorristas na praia do Forte (Camposancos)


 Hai que sinalar que aínda que a praia do Forte conta con todos os requisitos que esixe a Bandeira Azul, esta non se vai a izar ata que rematen as obras de mellora da accesibilidade, cuxa conclusión estaba prevista para antes da tempada estival, e que sufriron un atraso por causa da situación provocada polo Covid-19. Unha vez rematadas ditas obras izarase a Bandeira Azul nesa praia fluvial e marítima. 

 Mª Elena Baz Rodríguez, concelleira de Turismo, quixo resaltar nesta visita aos areais galardoados co distintivo de Bandeira Azul o esforzo realizado a nivel municipal para a súa concesión, no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas Bandeiras Azuis para dúas das praias do municipio guardés, que forman parte do total de 107 areais con este distintivo en Galicia.

  Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezou xa co arranque estival. 

 A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán. 

 Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de Sendeiro Azul o camiño que une as praias do Forte a de Area Grande. Esta semda litoral ten o recoñecemento dende o ano 2013.  A finais do pasado ano o Concello de A Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable. 

 En total, 688 bandeiras azuis ondean este ano en España: en 589 areais; 98 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 5 embarcacións turísticas sostibles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario