9 de xuño de 2020

A GUARDA

O concello traballa cos diferentes sectores para apoiar a recuperación económica 

Na era post-Covid-19

Reunión de hostaleiros na sala de plenos da Casa do Concello
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda  

 O Goberno Municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo público que "dende o comezo da chamada "desescalada" e co inicio da volta a nova normalidade, o Concello da Guarda vén de reunirse cos diferentes sectores comerciais e do tecido económico da vila promovendo ademais accións de recuperación tralo Covid-19 para apoiar a economía e a reactivación turística da vila.  

 Xa dende o inicio da pandemia, apoiouse ós diferentes sectores comerciais no reparto de material de protección para os traballadores e na difusión a través das redes sociais, de aqueles establecementos que ofertaban reparto a domicilio.  

 Traballouse tamén durante o confinamento para que dende a semana pasada na Guarda arrancara o mercado en liña www.mercanaguarda.com, que pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade que desexen vender os seus produtos de forma en liña, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.   

 Tamén se teñen realizado accións e e traballado en diferentes medidas económicas, entre elas, a de posibilitar a ampliación de terrazas e a eliminación das taxas das mesmas no 2020.  

 Para poder escoitar e valorar as diversas accións que se levarán a cabo durante este verán 2020 de cara ó turismo e a reactivación económica, o Concello da Guarda reuniuse co sector da pastelería-panadaría o pasado martes 12 de maio. Nesta reunión, na  que estaban presentes a técnica de Turismo, a concelleira de Turismo e a concelleira de Desenvolvemento Local, valorouse retomar a promoción do noso produto doce por excelencia, a Rosca de Xema da Guarda, creada por Manuel Alonso González, no ano 1956.  

 O día 3 de xuño foi o día no que se reuniron hostaleiros, para poder valorar conxuntamente posibles accións enfocadas a un turismo de proximidade e foráneo, ademais de escoitar as súas demandas e dúbidas xeradas pola “nova normalidade”. Así, nesta reunión, unha das iniciativas que xurdiron foi a de recibir asesoramento e formación para afrontar esta nova situación nos seus establecementos. Dita formación, será levada a cabo o próximo luns día 15 de xuño e todos os interesados nesta formación contarán con asesoramento durante o verán para resolver futuras dúbidas, ante a previsión de cambios na transición a nova normalidade. 

 Os establecementos interesados en participar nesta formación poden inscribirse ata o xoves 11 de xuño a través de do enderezo electrónico turismo@aguarda.es ou no teléfono 620 795 901.  

 Tal e como se anunciou a pasada semana, A Guarda contará tamén cunha comisión especial para a reactivación económica formada por representantes de diferentes sectores da vila, que traballará de xeito coordinado co equipo de goberno para buscar solucións apoiar aos negocios locais nestes duros momentos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario