A Deputación lanza dúas novas campañas en liña de promoción turística para poñer en valor o patrimonio da provincia
"As Rías Baixas visítante" empregará vídeos informativos en redes sociais sobre monumentos e paisaxes para dar a coñecer os activos turísticos de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas
exploran novas fórmulas para seguir promovendo a provincia de
Pontevedra e as Rías Baixas no actual contexto provocado pola COVID-19.
Deste xeito, nos próximos días o ente provincial poñerá en marcha dúas
novas accións destinadas a promocionar de xeito virtual os principais
activos turísticos da provincia ata que se poidan retomar as visitas
regulares dende o exterior. Estas dúas campañas, "As Rías Baixas
visítante" e "Viaxe ao pasado", teñen como obxectivo facilitar aos
turistas a información relacionada co patrimonio de Pontevedra e
fomentar as visitas ós seus atractivos principais.
A primeira
das campañas, "As Rías Baixas visítante", consiste na organización de
visitas guiadas virtuais a algúns dos monumentos ou recunchos naturais
máis singulares da provincia. Así, unha informadora turística da
institución provincial faralle chegar ao público a historia de cada
recurso a través de breves e interesantes vídeos que se difundirán nas
redes sociais de Turismo Rías Baixas e da Deputación de Pontevedra.
Estas visitas guiadas virtuais programaranse os mércores e venres ás 10
da mañá a partir do 27 de maio nas redes sociais corporativas. Os
vídeos estarán posteriormente accesibles na canle de YouTube de Turismo
Rías Baixas. O antigo santuario do monte do Facho (Cangas do Morrazo), o bosque de
Colón (Poio) ou a mámoa do Rei (Vilaboa) son algúns dos lugares que o
público percorrerá virtualmente da man dunha guía especializada e desde a
comodidade do seu fogar. "Queremos que as e os turistas virtuais poidan
seguir as explicacións en vivo sobre o destino Rías Baixas dunha
maneira instantánea e amena. Xa que non poden vir visitarnos, nós
levámoslles a provincia directamente á súa casa", explican desde Turismo
Rías Baixas.
Un destino con moita historia
Tamén se recorrerá ás redes sociais de Turismo Rías Baixas para
convidar o conxunto da cidadanía e persoas de fóra interesadas en
visitar a provincia de Pontevedra a realizar unha interesante "Viaxe ao
pasado" aproveitando o valioso material histórico que custodia o Servizo
de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo Provincial. Trátase
de ilustrar monumentos, vilas termais ou espazos declarados bens de
interese cultural das Rías Baixas por medio de vídeos, postais,
fotografías e publicacións históricas que se conservan en bo estado.
A partir do 1 de xuño a Deputación de Pontevedra convidará así ó
público a redescubrir a historia desta terra e os segredos dalgúns dos
seus recunchos máis singulares a través das súas redes sociais e da web
de Turismo Rías Baixas.
A intención é aproveitar este inxente material para trasladarlle de
forma moi gráfica á cidadanía que a provincia de Pontevedra é un destino
turístico cunha longa traxectoria de excelencia e arraigados costumes e
tradicións que se mantiveron intactos e que se poden gozar hoxe en día.
A campaña tratará de mostrarlles á veciñanza da provincia e ás
potenciais visitas o antes pero tamén o agora das vilas mariñeiras das
Rías Baixas, a transformación de barrios pesqueiros como O Berbés (Vigo)
ou as orixes da vila termal por excelencia, Mondariz, e do antigo Gran
Hotel Mondariz.
A posta en marcha destas dúas campañas supón un
paso máis na aposta da Deputación de Pontevedra pola
desestacionalización e internacionalización do turismo da provincia,
posto que se achega información sobre monumentos, espazos e activos que
poden ser desfrutados ó longo do ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario