O venres comeza a veda do polbo en Galicia e rematará o 1 de xullo
Deste xeito queda expresamente prohibida a captura desta especie en augas nas que Galicia ten competencias, incluíndo a pesca marítima de recreo
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable
A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor o venres e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda
Infogauda / Galicia
A veda do polbo en Galicia comezará o próximo venres e rematará o 1 de xullo de 2020. Así o especifica a resolución
pola que se aproba o plan experimental para a xestión desta especie
durante a campaña 2020/2021 que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia
(DOG). Nela establécese que o período de veda do polbo para este ano
vai das 16:00 horas do venres, 29 de maio, ata as 05:00 horas do
mércores 1 de xullo. Non obstante, as capturas desembarcadas o 29 de
maio poderán ser comercializadas tamén o 30 de maio naquelas lonxas nas
que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
O
período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a
captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que
Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións
dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu
calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca
marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da
nasa para polbo.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o
plan da especie, co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de
vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación
máis sustentable.
Plan 2020-2021
A Consellería do Mar e o
sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra
en vigor o venres e que permanecerá vixente ata que se publique o plan
do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan,
a partir do día 1 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de
agosto, a cota máxima de captura da especie é de 30 quilogramos por
barco e día. A esta cantidade engádense 30 quilos ao día por cada
tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No
que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e
día, aos que se engaden 50 quilos ao día por cada tripulante enrolado a
bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.
O horario de traballo
das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas -aínda
que poden saír do porto ás 05:00 horas- e finalizará ás 16:00 horas.
Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16:00 horas do
venres ata as 06:00 horas do luns. O número de nasas permitido queda
establecido en función do tamaño da embarcación e do número de
tripulantes enrolados e a bordo.
En canto ao réxime de calamento
das nasas de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que
levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas
seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas
que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán
permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o
período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de
Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas
poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen
limitación de profundidade.
Na zona de Con da Aguieira a cabo
Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levarse a
porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte
as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de
descanso semanal. No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer
no seu calamento sen seren levadas a porto incluso durante o período de
descanso semanal.
A actividade será controlada a través do
programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral
de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os
servizos contratados ao efecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario