Galicia acada o máximo histórico de deportistas galegos de alto nivel con máis de medio milleiro de recoñecidos (505)
Dos
505 DGAN, 16 son deportistas con discapacidade (5 mulleres e 11 homes),
o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e
galegas de alto nivel grazas a unha evolución ascendente nas últimas
resolucións que avala o especial pulo levado a cabo pola Xunta en prol
do deporte adaptado
Infogauda / Galicia
O Diario Oficial de Galicia
publica hoxe a resolución do 22 de abril de 2020, da Secretaría Xeral
para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas
recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento
iniciado en novembro de 2019, así como as solicitudes desestimadas e a
causa. Nesta nova resolución recoñécense a 84 deportistas galegos e
galegas de alto nivel (36 mulleres e 48 homes) polo procedemento
iniciado en novembro de 2019. Cómpre salientar que entre eles
recoñécense a 4 deportistas con discapacidade (2 mulleres e 2 homes).
O pasado 16 de abril o Diario Oficial de Galicia publicaba
a prórroga de seis meses para 126 deportistas DGAN que remataban a súa
vixencia durante o ano 2020 como medida de carácter extraordinario para
previr e conter o coronavirus e mitigar o impacto sanitario, social e
económico. A resolución publicada hoxe, máis a prórroga de abril e as
anteriores convocatorias posibilitan que Galicia acade o seu número
máximo histórico de deportistas galegos de alto nivel, chegando aos 505
(207 mulleres e 298 homes).
Cómpre salientar que dos 505 DGAN, 16
son deportistas con discapacidade (5 mulleres e 11 homes), o número máis
elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de
alto nivel grazas a unha evolución ascendente nas últimas resolucións
que avala o especial pulo levado a cabo pola Xunta de Galicia en prol do
deporte adaptado.
Decreto do Deporte de Alto Nivel de Galicia
Tal
e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de
Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz antes da fin de ano e neste
decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a
encargada de prestar os servizos de información, orientación e
acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.
A
Secretaría Xeral para o Deporte continua traballando no decreto que
desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O obxectivo é a
regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os
deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este
recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido
educativo, laboral ou económico, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario