Galicia acorda coas comunidades da España verde reorientar esta marca ao mercado nacional tras a crise do coronavirus
A Xunta de Galicia mantén nunha videoconferencia con representantes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Turespaña para artellar medidas conxuntas de reactivación no turismo
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia, xunto cos gobernos
autonómicos das comunidades da España Verde, acordou reorientar as
accións desta marca turística do norte peninsular ao mercado nacional
tras a crise do COVID-19. Así se decidiu nunha videoconferencia entre as
directoras e viceconselleiras de Turismo de Asturias, Cantabria,
Euskadi e Galicia, representada a través de Nava Castro.
A
xuntanza permitiu analizar conxuntamente o impacto da actual crise
sanitaria nos seus respectivos territorios e artellar posibles vías de
colaboración conxunta baixo esta marca turística. Na reunión abordáronse
as diferentes medidas adoptadas polas catro comunidades autónomas en
colaboración co sector e se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a
España Verde á franxa do norte peninsular para traballar xuntos e
axudar a impulsar ao sector no escenario de saída do confinamento.
Neste
sentido, acordouse por unanimidade suspender a promoción internacional
ata o fin das restricións derivadas desta situación e centrar todos os
esforzos en posicionar a marca no mercado nacional, para o que se
apoiará en diversas accións online a través de vídeos promocionais e dun
novo himno do compositor Antonio Garamendi.
Sumar á marca España
A marca España Verde, que en 2019 celebrou o seu trinta aniversario, estivo centrada desde os seus inicios na promoción internacional. Agora, ante esta situación excepcional, aposta por esta reorientación cara o mercado nacional, por ser unha oportunidade para posicionar a marca en España e contribuír á reactivación do sector turístico do norte no curto e medio prazo, potenciando, ademais, fortalezas da marca como a natureza, enogastronomía, turismo rural, Camiño de Santiago e seguridade.
O grupo de traballo abordou a importancia de facer un
esforzo na seguridade sanitaria de xeito conxunto. Nos vindeiros días,
os equipos técnicos das catro comunidades autónomas traballarán na
elaboración de material de comunicación e promoción.
Durante este
ano 2020, Galicia é a comunidade da España Verde que se encarga da
coordinación de todas as actividades desta marca turística do norte
peninsular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario