O ‘Carallo 29' e a importancia do foro en Galicia
O Arquivo da Deputación de Pontevedra está a potenciar a difusión dos seus fondos dando a coñecer documentos singulares a través da web durante a corentena
O Arquivo da Deputación de Pontevedra está a potenciar a difusión dos seus fondos dando a coñecer documentos singulares a través da web durante a corentena
Unha das páxinas do foro a Hernán Merino e Marina Pérez que se conserva no Arquivo da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A que fai referencia o ‘carallo 29'? Que era a Xunta Provincial de Electrificación? Quen formaba parte da Unión de Xornalistas de Pontevedra? Como foi a actividade conserveira en Marín dende 1610? O Arquivo da Deputación de Pontevedra está a potenciar durante a corentena do COVID-19 a difusión da información que dispón nos seus fondos a través da páxina web. De forma case diaria, os xefes de área do Servizo de Patrimonio Documental están a publicar artigos e información sobre documentos singulares de distinta orixe que poñen de relevo anécdotas e situacións históricas que permiten coñecer un pouco máis a provincia de Pontevedra.
Segundo apunta a deputada responsable do Arquivo, María Ortega, é importante que a poboación teña fácil acceso ao seu Patrimonio, xa ben sexa persoal investigador ou persoas de a pé. Para estes últimos, subliña, "é moi importante o traballo de divulgación do persoal do Arquivo que xa se fai habitualmente, pero de maneira máis singular neste periodo no que a cidadanía ten máis tempo para consultar dende as súas casas aínda que soamente sexa por ocio".
O último artigo subido na web (arquivos.depo.gal) fai referencia a ‘O carallo 29 e a importancia do foro en Galicia'. Nel explícase que o foro tivo un fondo calado na forma da transmisión da terra: era un contrato, xeralmente de carácter agrario, de longa duración e de orixe medieval, polo cal unha persoa ou institución, fidalguía e Igrexa lle cedía a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra) a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas. A duración destes contratos agrarios –dende o principio moi longa-, fixouse por vidas de 3 voces (vidas de foreiros) ou de 3 reis e 29 anos. De aí o famoso "carallo 29", dito que se foi transmitindo de xeración en xeración e, malia que os foros desapareceron, aínda se escoita con certa frecuencia nos nosos días.
En concreto, o Arquivo dispón da colección documental Barcia do Seixo, que achega un conxunto de foros que tiña o mosteiro de Santa María da Armenteira na parroquia de Santa Ana da Barcia do Seixo, no concello pontevedrés da Lama. Consta de 68 documentos desde 1315 ata 1673, que ocupan unha unidade de instalación dentro das dependencias da institución provincial. A forma de ingreso no Arquivo foi mediante depósito permanente pola Asociación Veciñal Fonte dos Chaos da parroquia de Santa Ana da Barcia, sendo a documentación dixitalizada na súa totalidade e a disposición das persoas usuarias no portal AtoPO (atopo.depo.gal) e arquivos.depo.es.
Algúns exemplos do que se pode atopar nestas web son o foro a Hernán Merino e Marina Pérez no Paraño de Gabián polas súas vidas, datado en 1315 e accesible no lugar https://atopo.depo.gal/Record/arc.DEPO00201070781, ou tamén o nomeamento de Pedro do Carballal El Mozo, neto de Pedro do Carballal, no lugar de Cambeses. 1599 https://atopo.depo.gal/Record/arc.DEPO00201071422.
Outras entradas
Por outra banda, na web do Arquivo tamén se teñen colgado nos últimos días informacións relativas á actividade conserveira na vila de Marín, con fondos familiares privados da familia Nores datados entre 1610 e 1980; un artigo sobre a Unión de Xornalistas de Pontevedra creada no 1982; ou datos sobre a Xunta Provincial de Electrificación creada en 1954 que tiña como obxectivo levar a luz a entidades que carecían dela por aquel entón.
Nos vindeiros días o Arquivo serguirá colgando diferentes artigos relativos ás súas diferentes áreas dentro do Servicio Bibliográfico (Patrimonio Bibliográfico, Biblioteca, Hemeroteca, Cartoteca e Audiovisuais), que non se poden consultar presencialmente por mor das limitacións de mobilidade da emerxencia sanitaria, pero si en liña.

Ningún comentario:
Publicar un comentario