28 de abr. de 2020

A GUARDA

O Concello da Guarda inaugura o recurso web #rebulindo (dende a casa) 

• Que nace como un abano de recursos de entretemento e coñecemento pensado para os veciños guardeses



Infogauda / A Guarda  

 O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, vén de facer público que o Concello da Guarda inaugura un recurso web, integrado dentro da súa páxina institucional na que se inclúen unha gran cantidade de opcións para o entretemento e a formación en distintos campos, dende a actividade física ata as propostas culturais, pasando polo descubrimento da nosa vila e como non, cun apartado adicado ós máis pequenos.

 Desde o Goberno local indican que "este espazo nace coa idea de dar a coñecer á cidadanía diferentes recursos para aproveitar dende a casa e sobrelevar esta situación que aínda esperemos lle quede pouco, certo é que cada día faise mais longo. Non obstante a plataforma xurde coa idea de ir crecendo paulatinamente e poder incorporar suxerencias e propostas dos veciños e colectivos. 

 Para a súa posta en funcionamento contouse coa colaboración de artistas e profesionais guardeses, que cederon material para ser compartido polos veciños, buscando así unha ferramenta que sirva como zona de encontro e coa que os veciños se sintan identificados. Nos próximos días e semanas iranse aumentando os contidos". 

 A información está accesible dende a portada da web municipal www.aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario