O Concello do Rosal pecha instalacións municipais e manterá servizos mínimos de atención ao público
· A medida estará vixente 14 días como protocolo de prevención seguindo as directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes
Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.
Informa: Concello do O Rosal
O Concello do Rosal acordou as medidas establecidas como protocolo de prevención do coronavirus, que se aplicarán durante os vindeiros 14 días a partir do luns 16 de marzo sen prexuízo da súa prórroga e revisión transcorrido o prazo inicialmente previsto e que remata o 29 de marzo. A duración ou modulación das medidas adoptadas tomarase de acordo coas directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes tras a avaliación do avance da situación.
As medidas contemplan a suspensión da atención ao público dos servizos administrativos no Concello e os trámites faranse de xeito telefónico ou a través de sede electrónica. Soamente permanecerá aberto o rexistro de entrada, que se situará na planta baixa do Concello con todas os protocolos necesarios para facilitar o acceso á veciñanza e minimizar o risco de contaxio. Pola súa banda, Servizos Sociais atenderá só os casos urxentes e sempre contactado previamente por vía telefónica.
Pecharanse ao público todas as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo. Así, permanecerán pechados:
- O Punto Limpo dende este sábado 14 de marzo.
- A Biblioteca Municipal.
- A Aula de Estudo.
- O Centro Social Polivalente. Recoméndase a todas as persoas maiores que acoden habitualmente polas tardes a este centro social, poboación considerada de risco, que permanezan nos seus domicilios e apliquen os protocolos de prevención dados polas autoridades sanitarias.
- O Auditorio municipal.
- O pavillón municipal.
- O estadio de fútbol.
- O Centro de Formación.
- Os comedores escolares.
- Os baños públicos situados nos Muíños do Folón e do Picón, en Pías e no Tamuxe en San Miguel.
Suspéndese ademais toda a actividade dependente do Concello en recintos pechados e abertos, co aprazamento de todas as actividades municipais, incluída a programación cultural do mes de marzo, e que afecta:
- Ao programa #Reactívate e todos os seus cursos e actividades (axilidade mental, pilates, pintura, restauración e manualidades, zumba, zumba gold, tenis e ioga).
- Curso de cociña de pratos de culler con produtos de tempada.
- Ciclo de charlas ‘Li-xo, que non che soe a chino’.
- Ciclo de charlas sobre prevención de violencia de xénero ‘Ponte na súa pel’.
- Feira de San Gregorio.
- Entroido de Piñata.
- As obras ‘Las cinco estaciones’ e ‘No te rindas’, do grupo de teatro Avelaíña.
- San Xosé en Novás.
- Concerto de Primavera da Agrupación Musical do Rosal.
- 35 aniversario de ANABAM coa proxección de ‘O que arde’.
Todas estas actividades quedan adiadas sine die polo momento. Irase informando puntualmente das novas datas así como se vaian establecendo.
Tamén se procede á suspensión do mercado semanal do Rosal dende este mesmo sábado 14 de marzo. Ademais, no relativo á actividade política tomouse a decisión de anular a celebración de plenos e comisións informativas que só se retomarán no caso de ter que abordar algún asunto de urxencia ou unha vez normalizada a situación sanitaria.
En colaboración cos centros educativos do municipio, dende o Concello do Rosal trasládase a necesidade de que, na medida do posible, os nenos e nenas eviten acudir a espazos públicos con aglomeracións de xente e permanezan estes días nos seus domicilios. Así mesmo, o Concello do Rosal agradece a comprensión da veciñanza ante estas medidas que se aplican de forma preventiva e faise un chamamento á calma e á responsabilidade seguindo en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias.
Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.
(R.)
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario