O presidente da Xunta de Galicia presidiu esta mañá a reunión do Goberno galego, na que tamén se fixo balance das iniciativas adoptadas ata o momento
Feijóo destaca a aprobación no Consello da Xunta de novas medidas cuantificadas en 380 millóns, para loitar contra o virus e apoiar a quen máis o precisa no eido económico e social
Subliña un plan de 51,5 millóns de euros para investimento sanitario
Precisa que o Goberno galego destinará: 270 millóns en medidas económicas, 33 millóns en materia de política social e arredor de 25 millóns para os sectores turístico e cultural
Alberto
Núñez Feijóo, presidente do Goberno galego
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, informou hoxe na rolda de prensa do Consello das novas
medidas postas en marcha pola Xunta para a prevención e o seguimento do
coronavirus. “Estamos a falar de 380 millóns de euros: 51,5 millóns de
investimento sanitario, 270 millóns en medidas económicas, 33 millóns en
materia de política social e arredor de 25 millóns para os sectores
turístico e cultural”, detallou.
“Seguimos a traballar e a poñer
en marcha novas medidas para loitar contra o virus e estar preparados
para facerlle fronte no sistema sanitario, especialmente nos próximos
días; para que Galicia non se paralice na medida do posible; e para
apoiar a quen máis o precisa e que non sufra un dano aínda maior a
consecuencia desta situación”, dixo.
Unha achega de 51,5 millóns para investimento sanitario
No
que respecta ao ámbito sanitario, o Consello da Xunta autorizou un plan
de emerxencia para a Sanidade Pública cunha dotación inicial de 51,5
M€, dispoñible, segundo subliñou Feijóo, desde o primeiro instante.
Como
aspecto máis destacable, Feijóo subliñou que, con estas compras, a
Comunidade contará con 274 camas na unidade de coidados intensivos –un
71% máis, logo de transformar as camas de reanimación en camas de UCI–.
“Seguiremos a ver como incrementar estas camas, tanto en hospitais
públicos como en privados”, explicou Feijóo.
O presidente da Xunta
precisou que todas estas necesidades para reforzar os equipos de
detección, os recursos humanos nos hospitais e no 061 e os profesionais
na área de Saúde Pública, atópanse no informe elaborado polo Comité de
expertos para o seguimento do coronavirus.
Do mesmo xeito, sinalou
a decisión de converter a todos os MIR de último grao en adxuntos
médicos especialistas de área. “Son 158 médicos que se converten en
persoal do Sergas cun contrato de facultativo especialista de área”,
concretou, cifra á que se suman 31 enfermeiros que tamén están
finalizando a súa formación.
Feijóo lembrou que Galicia tiña
comprado xa parte do material e que debería enviar o Ministerio de
Sanidade logo de centralizarse a súa compra –como equipos de protección,
desinfectante, guantes e mascarillas de distinto tipo–, ademais de ter
solicitado máis de 250 equipos de ventilación, 13 de radioloxía portátil
e 50 camas de hospitalización.
Neste sentido, lembrou que, nos
próximos días, xa se instalarán 45 ventiladores, un equipo portátil de
raios X e máis de 800 biombos, todo isto cun investimento adicional ao
plan, por parte de Xunta, de 1,2 M€.
270 millóns en medidas económicas
O
Consello da Xunta tamén analizou hoxe unha serie de medidas económicas
para apoiar ao tecido económico, especialmente aos autónomos e ás pemes.
Como
primeira medida, Feijóo sinalou que tanto o Instituto Galego de
Promoción Económica (Igape) como XesGalicia concederon préstamos por
valor de 265 M€ e, a este respecto, explicou que se decidiu autorizar o
aprazamento do pago das cotas de amortización e xuros de liquidación do
primeiro semestre. Polo tanto, estas cantidades poderán devolverse cando
venza o préstamo.
É dicir, a devolución de préstamos, capital e
intereses que había que facer entre o mes de xaneiro e o mes de xuño
tanto ao Igape como a XesGalicia non necesitan ser devoltas durante todo
este primeiro semestre.
“Segundo a situación económica veremos se
seguimos adiando este aprazamento. Pero, de momento, do mes de xaneiro
ao día 30 de xuño ninguén ten que devolver nin préstamo, nin tipo de
interese dos créditos concedidos polo Igape ou por XesGalicia”, relatou o
titular do Goberno galego.
A segunda medida, coa que se prevé a
mobilización de 250 M€, ten como obxectivo inxectar de inmediato a
liquidez necesaria a autónomos e pemes. Esta contía económica, concretou
Feijóo, serán préstamos ponte mentres o Goberno central non desenvolve a
súa liña de avais de 100.000 M€, xa que, ata o momento, non se concreta
como se pode empregar esta liña.
Así pois, desde a próxima
semana, calquera persoa que queira pedir un préstamo –autónomo ou peme–
será avalado co 75% do préstamo. A contía do préstamo, sinalou Feijóo,
serán os gastos do trimestre anterior: todos aqueles gastos de autónomos
ou pemes que tiveron entre xaneiro e marzo e que non teñen posibilidade
de facerlle fronte, poden pedir un préstamo ás entidades bancarias.
“Entendemos
que nas próximas semanas o Goberno de España xa concretará como vai
conceder avais por eses 100.000 M€”, subliñou Feijóo, xusto antes de
engadir que, en todo caso, Galicia se anticipa e activa este mecanismo
de liquidez ata que o Estado poña en marcha as súas liñas de
financiamento e o facemos de maneira inmediata.
A terceira medida,
proseguiu, consiste na identificación das capacidades do sistema galego
de innovación para facer fronte ao coronavirus. “Buscamos solucións
innovadoras que se poidan implementar de xeito inmediato ou que estean
próximas á súa implementación. Estamos falando, por exemplo, de
dispositivos de intervención ao tratamento, de fabricación de
ventiladores ou de equipos de protección individual”, concretou.
Así
pois, ábrese ata o próximo venres unha manifestación de interese para
que, se algunha industria en Galicia cre que pode fabricar ventiladores,
mascarillas, gafas de protección ou vestimenta axeitada para o
profesional sanitario, entre outras cousas, o comunique directamente á
Xunta. Deste xeito, e automaticamente, a Axencia Galega de Innovación
disporá dos fondos que sexan necesarios para que estas empresas poidan
empezar a fabricar.
“Ademais, abrimos unha liña de financiamento
de 10 M€ para a reestruturación produtiva das empresas galegas que
empecen a fabricar este tipo de material”, engadiu Feijóo, precisando
tamén que todos aqueles gastos que conleve cambiar máquinas, loxística
ou procedementos organizativos serán financiados pola Comunidade galega.
Deste
xeito, esta decisión de habilitar 10 M€ para facilitar o financiamento
ás empresas que empecen a fabricar este tipo de materiais pode ser
interesante tanto para as industrias como para o Servizo Galego de
Saúde. No primeiro caso, para reactivar a súa actividade económica e, no
segundo, para seguir blindando o equipamento necesario tanto para o
Sergas como para outros servizos de saúde en España.
Plan de continxencia social
No
eido da política social, Feijóo destacou a elaboración do Plan de
continxencia social, con medidas para atender a persoas maiores
dependentes, a persoas con discapacidade e a persoas en risco de
exclusión social.
“Este plan social conta con tres iniciativas
principais”, dixo. A primeira delas, o seguimento telefónico e ao
reparto de comida, diríxese ás preto de 14.400 persoas maiores e con
discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional. Como
estes centros suspenderon toda a súa actividade durante dúas semanas
como mínimo, tomouse a decisión de que os profesionais que traballan
neles realicen un seguimento telefónico diario dos usuarios. Ademais,
para aquelas persoas usuarias que tamén contasen co servizo de comedor e
carezan dunha rede familiar de apoio, repartiráselles no seu domicilio a
comida para todos os días.
Así mesmo, Feijóo resaltou a posta en
marcha, a partir do vindeiro luns do teléfono social (900 400 800), a
través do cal se atenderán chamadas de persoas que precisen resolver
dúbidas básicas ou de índole sanitaria; persoas que precisen atención
psicolóxica especializada, que se derivarán aos psicólogos da
Consellería de Política Social; persoas que estean en situación de
necesidade ou especial vulnerabilidade, que se derivarán aos
traballadores sociais dos concellos; ou persoas que necesiten conversa
ou acompañamento a domicilio, que serán derivadas a persoas voluntarias
que se ofrezan para botar unha man.
Ademais, a Xunta colaborará
estreitamente nestas semanas cos servizos sociais municipais para
detectar as situacións de emerxencia que poden darse. Así, proponse
habilitar un correo electrónico, que será atendido por persoal da
Consellería de Política Social e poñerase á disposición dos
traballadores sociais dos concellos para que comuniquen as situacións de
risco que vaian identificando. Para poder atender estas situacións,
habilitaranse dous servizos extraordinarios: un de axuda no fogar e
outro de alimentación a domicilio.
Plan de reforzo para as mulleres vítimas de violencia de xénero
Durante
a rolda de prensa, o presidente do Executivo galego referiuse tamén á
posta en marcha dun Plan de reforzo para a atención e protección das
mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao respecto, afirmou que se
mantén a operatividade dos servizos de asistencia telefónica e online,
así como os servizos de carácter administrativo -online, por teléfono e
por correo electrónico- e todos aqueles trámites de carácter esencial,
como o pago de axudas económicas ou a solicitude do bono de aluguer
social, entre outros, que seguirán a tramitarse a través da sede
electrónica da Xunta.
Por outra banda, o servizo de apoio
psicolóxico a vítimas de violencia sexual tamén seguirá operativo a
través de teléfono, correo electrónico e skype. E o Centro de
Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero,
adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, manterá o contacto permanente
coas súas usuarias e apoiará e reforzará a través das profesionais do
centro os servizos de apoio psicolóxico e social de cantas mulleres o
puideran precisar.
O centro de Emerxencia de Vigo, adscrito á
Xunta de Galicia, funcionará con normalidade no acceso das vítimas
residentes en Galicia ata completar capacidade, ao igual que os centros
de acollida de titularidade municipal ou de iniciativa social, que
seguirán acollendo ata completar capacidade.
“E tamén seguiremos
cos recursos alternativos e temporais de acollemento para garantir a
seguridade de todas as mulleres”, confirmou.
A maiores, o Bono de
alugueiro social que a Administración galega ten a disposición das
vítimas de violencia de xénero poderá ampliarse ata chegar a asumir a
Xunta de Galicia o pagamento do 100% do alugueiro durante 1 mes. “E
despois irase vendo se é necesario reforzar ou ampliar”, matizou.
Medidas para axudar á recuperación dos sectores turístico e cultural
No
ámbito da cultura e do turismo, o titular da Xunta aseverou que se
están a reestruturar os créditos da Consellería de Cultura para
recuperar ambos sectores que suman, en conxunto, o 13% do PIB galego e
preto do 14% do emprego. “Imos reestruturas 25 millóns de euros para a
recuperación turística e a reactivación cultural”, explicou.
O
Plan de recuperación turística reforzará a campaña de promoción de
Galicia, desenvolverá o deseño de produtos especializados, recollerá
axudas directas ao sector e porá en marcha unha plataforma de
teleformación. E o Plan de reactivación cultural recollerá o impulso do
Xacobeo como ferramenta de reactivación; incrementará o orzamento das
redes profesionais e conterá un paquete de axudas á distribución
interior, un bono cultural e un fondo para a produción.
Por
último, en materia de construción e execución de obra pública, o titular
da Xunta resaltou a aprobación da instrución acerca da execución dos
contratos de obras xa iniciadas, así como de contratos asociados: de
servizo para coordinación da seguridade e saúde, dirección de obra,
dirección de execución, control e vixilancia e control ambiental e
seguimento arqueolóxico. E, no eido de conservación de estradas, tamén
se elaborou unha instrución, co obxectivo de garantir a conservación
ordinaria.
Balance das medidas adoptadas ata o momento pola Xunta
Ao
longo da súa intervención, o presidente da Xunta fixo tamén balance das
medidas adoptadas ata o momento pola Xunta, medidas que se foron
implementando e que afectan a distintos ámbitos.
Así, referiuse,
primeiramente, ás medidas informativas sanitarias para a poboación, coa
activación do número gratuíto 900 400 116; a creación dun portal
informativo específico na páxina web do Sergas; a elaboración de
infografías, carteis, e vídeos informativos e de recomendacións que se
distribuíron a través das redes sociais e se remitiron a outras
entidades; a publicación de recomendacións de interese xeral na web; e a
habilitación dun autotest para que a poboación poida consultar síntomas
e resolver dúbidas.
No tocante á recollida de mostras, salientou
que todas as áreas sanitarias dispoñen de equipos diagnósticos para a
detección precoz por PCR, operativos de luns a domingo, de 8 a 22 horas;
ademais dun sistema de recollida de mostras operativo de luns a domingo
no mesmo horario. “E vimos de estender a todas as áreas o test que se
fai sen baixar do coche”, engadiu.
Nesta mesma liña, recordou
tamén as recomendacións e as medidas que se tomaron para o día a día dos
centros como é a limitación a 1 persoa como acompañante do paciente no
centro; a suspensión das visitas aos centros sanitarios de visitadores
médicos ou farmacéuticos, así como da actividade de voluntarios ou
similares; a substitución das xuntanzas presenciais por sistemas de
vídeoconferencia; e promoveuse a consulta telefónica e a e-consulta, así
como a visita domiciliaria.
En materia de persoal, Feijóo lembrou
que a Administración autonómica recoñeceu, desde o principio, a
situación de accidente de traballo dos traballadores sanitarios que
padezan coronavirus ou estean illados por recomendación sanitaria.
Aprobouse un Plan específico de prevención de riscos laborais, así como
unha Comisión de seguimento do plan en cada área. Reforzouse o persoal
nos ámbitos das Urxencias hospitalarias, Medicina Interna e Unidades de
Críticos e os equipos hospitalarios de Atención Domiciliaria.
No
eido de compras, o presidente da Xunta lembrou a adquisición de
diferentes subministros para toda a rede hospitalaria; a sinatura dun
convenio de colaboración co Osakidetza para compra centralizada, entre
marzo e xuño; e a adquisición de kits de diagnóstico (PCR) e materiais
como mascarillas, luvas, desinfectante ou batas, que seguirán
adquiríndose nos próximos 4 meses.
Logo de resaltar o incremento
do persoal, para os vindeiros 4 meses, na central de chamadas do 061,
así como o reforzo da liña 900, Feijóo resaltou tamén as medidas
asistenciais e de saúde pública. Así, elaboráronse protocolos de manexo
de caso, de toma de mostras a domicilio e de limpeza extrahospitalaria e
hospitalaria; houbo unha reordenación asistencial dos espazos de cara
ao illamento dos pacientes positivos; modificáronse quendas e estrutura
das garda; e préstase atención domiciliaria aos afectados a través da
teleasistencia para que o paciente estea monitorizado e controlado polo
seu médico de Atención Primaria.
En materia educativa, lembrou a
suspensión de todo tipo de actividade lectiva, incluído os servizos
educativos complementarios como o comedor, o transporte ou o servizo de
madrugadores.
Así mesmo, reforzáronse as ferramentas online para a
atención ao alumnado como: as páxinas web dos propios centros; a aula
virtual; o Espazo Abalar e AbalarMóbil e o Edixgal, que dá soporte a
27.000 alumnos para poder utilizar libros dixitais; e elaborouse un
documento con directrices para o teletraballo do profesorado galego.
Na
Formación Profesional, suspendeuse a formación nos centros de traballo,
“e consensuouse o aprazamento das probas de admisión á universidade”,
dixo.
Entre as medidas no ámbito da Política Social, o responsable
do Goberno galego destacou as centradas en evitar os contaxios nun
ámbito de alto risco: suspensión das visitas ás residencias de maiores
ou de persoas con discapacidade, excepto en casos excepcionais.
Suspensión de novos ingresos nas residencias, agás nos casos derivados
polas autoridades sanitarias. Suspensión de toda a actividade nos
centros sociocomunitarios, nas escolas infantís e nos centros de día.
Reforzo dos servizos esenciais para a atención ás persoas sen fogar. E
continúa o Servizo de Axuda no Fogar.
No que respecta aos
empregados públicos da Administración autonómica, Feijóo resaltou que
todos os que teñan funcións que poidan desenvolverse a distancia,
teletraballan desde o seu domicilio, a excepción dos que levan a cabo
servizos esenciais. E aumentouse a dotación de recursos do 012 en máis
dun 30%.
“No ámbito económico, propuxemos unha serie de medidas ao
Goberno central e boa parte delas foron atendidas”, afirmou,
referíndose, por exemplo, á necesidade de pechar as perruquerías, salvo a
atención a domicilio; á necesidade de abrir os talleres de vehículos,
ao igual que as ferreterías para surtir ao sector primario; o
aprazamento de impostos e taxas; apoios para dotar de liquidez ao tecido
produtivo.
E, no que respecta aos autónomos, recordou a proposta
ao Executivo de España da bonificación do 100% da cota de autónomos e
estender a tarifa plana.
En materia de cultura e turismo tomáronse
medidas como o peche ao público dos arquivos e museos; a suspensión de
todo tipo de eventos, tanto en exterior como en interior; o peche de
todos os dispositivos culturais -que seguen ofrecendo contidos e
recursos online á cidadanía- e dos locais públicos, así como os
albergues da rede pública, habilitándose as instalacións do Monte do
Gozo, como lugar de aloxamento provisional de peregrinos en tránsito,
que non dispoñan doutros medios de regreso ou estadía.
“E no eido
das competencias de infraestruturas e mobilidade, reduciuse en polo
menos un 50% a oferta de servizos de transporte público regular
interurbano dependente da Xunta e limítase a un 1/3 da capacidade a
ocupación dos vehículos”, destacou.
No que respecta ao medio
rural, ademais dos contactos para garantir que non exista
desabastecemento de produtos agrícolas e gandeiros en Galicia, Feijóo
recordou a preparación do servizo de prevención e extinción de incendios
para a súa eventual configuración como un servizo de asistencia a
emerxencias no rural nesta situación excepcional.
A Xunta adoptou
tamén medidas no ámbito marítimo, coa prórroga dos rexistros de
actividade das embarcacións ata o fin do estado de alarma e a suspensión
da pesca recreativa; ademais da prórroga da vixencia das autorizacións
de marisqueo. “E propuxemos ao Goberno central estender as axudas ao
sistema transformador e auxiliar do sector marítimo-pesqueiro”, lembrou.
Por
último, e unha vez certificada que a convocatoria electoral quedou
anulada, Feijóo desatacou o renomeamento nos seus postos dos cargos que
os deixaran para ir nas listas electorais.
Feijóo concluíu
informando que xa ten solicitado a súa comparecencia na Deputación
permanente do Parlamento para dar conta aos grupos da situación e das
medidas postas en marcha pola Xunta, para paliar o impacto sanitario,
social e económico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario