Alfonso Rueda pon en valor o traballo de Jose Ángel Fernández á fronte do PP de Tui
• O presidente provincial está reuníndose coas xuntas locais e afiliados coa mirada posta nas eleccións autonómicas
Foto de familia con Alfonso Rueda, Nidia Mª Arévalo, José Manuel Cores e Moisés Rodríguez, cos membros do grupo municipal e afiliados do PP de Tui, que participario na reunión de onte
Infogauda / Tui
O presidente do Partido Popular da provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda Valenzuela, puxo en valor o traballo de Jose Ángel Fernández á fronte do Partido Popular de Tui, durante a reunión que mantivo onte pola noite co grupo municipal e afiliados do partido, e á que tamén acudiron o secretario provincial, José Manuel Cores Tourís, e a vicepresidenta do PP de Pontevedra, Nidia Mª Arévalo Gómez.
Alfonso Rueda destacou o importante traballo que está facendo o voceiro do PP de Tui, “de renovación e fortalecemento do partido”. Ademais, o líder provincial agradeceu a asistencia dos afiliados á reunión, “persoas novas que se achegan, pero tamén moitas caras coñecidas, militantes de sempre, porque neste partido todos sumamos”.
O presidente provincial incidiu tamén na “necesidade de continuar traballando coas mesmas ganas e a mesma ilusión ca a destes meses, e coa mirada xa postas nas eleccións autonómicas deste ano”.
“É fundamental - dixo Rueda - o labor que estades facendo tanto no partido como no grupo municipal, escoitando a todo o mundo e ao pé da rúa”.
A de Tui trátase de unha reunión ordinaria, enmarcada no calendario de xuntanzas que Rueda está realizando por toda a provincia para facer balance dos primeiros seis meses de mandato e, sobre todo, para escoitar ás xuntas locais, facer unha análise da situación do partido e falar da súa organización de cara ás eleccións autonómicas deste ano.
Rueda resaltou que para iso é fundamental recoller as inquedanzas e suxestións dos seus veciños. “Somos o partido que máis se parece ás persoas, e por iso temos que seguir a pé de rúa para escoitar todo o que nos teñen que dicir, todo o que poden aportar, e deste xeito reforzarnos e prepararnos para afrontar as próximas eleccións autonómicas”.
Nesta liña, o presidente provincial recordou que os resultados das últimas eleccións xerais marcan unha aumento da porcentaxe de votos para o Partido Popular en todos os concellos da provincia, polo que afrontan este ano electoral reforzados. Así, recordou que “o PP aspira a gañar e gobernar, e para conseguilo temos unha maquinaria que non se detén, máxime cando é ano electoral”. Unhas eleccións, sinalou, “fundamentais para seguir garantindo a estabilidade que ten Galicia fronte ao caos, inestabilidade e parálise que sufrimos en España. Nas autonómicas decidirase entre a estabilidade do PP e un multipartido con pelexas diarias entre os seus socios”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario