6 de feb. de 2020

LABORAL

A CIG-Industria de Vigo aproba a plataforma de convenio do metal de Pontevedra que levará á mesa de negociación  

A central aposta pola recuperación salarial, a loita contra a precariedade e a subrogación entre empresas privadas 
  
A CIG-Industria de Vigo desenvolveu onte unha asemblea de delegados/as e afiliados/as da central do sector
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 A CIG-Industria de Vigo desenvolveu onte unha asemblea de delegados/as e afiliados/as da central do sector para consensuar a plataforma que recolle as principais reivindicacións da central cara á negociación do convenio que dará comezo o vindeiro día 20.  

 Durante a asemblea analizáronse os datos do proceso electoral que vén de rematar no sector a nivel provincial, no que a CIG consolidou a súa posición de primeira forza sindical en número de delegados/as.   

 A continuación abordouse a proposta que a central levará á mesa de negociación que comeza o vindeiro 20 de febreiro, unha constituída o pasado día 3. O documento, que saíu adiante por unanimidade, céntrase na recuperación salarial, na loita contra a precariedade (empresas multiservizos, ETT, Centros de Especiais de Emprego e subcontratación) e na subrogación entre compañías privadas, entre outras cuestións.  

 Outro aspecto sobre o que se fixo fincapé foi na problemática derivada de centralizar a negociación colectiva en Madrid, xa que CCOO e UGT veñen de asinar o último convenio estatal coa patronal Confemetal que limita a negociación nalgúns aspectos e recorta dereitos laborais.   

 Na CIG-Industria apostan por incorporar novas melloras ao convenio tras anos de perda de dereitos a raíz dos acordos asinados por CCOO e UGT coa patronal. Este convenio ten que volver a ser un referente para a negociación colectiva no conxunto do país e para o resto de sectores, como o foi historicamente grazas á combatividade e a capacidade de loita dos traballadores/as. Este convenio afecta a un maior número de traballadores/as en Galiza, arredor de 30.000.

Ningún comentario:

Publicar un comentario