28 de feb. de 2020

MOVEMENTOS SOCIAIS

Asemblea Galegas 8M 
SOBRE GALEGAS 8M 
 
Na imaxe, grupo de mulleres que participaron na rolda de prensa de presentación das actividades organizadas pola Asemblea Galegas 8M

 Asemblea Galegas 8M / Vigo

 Hai tres anos xurdiu a idea de repensarmos o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas en distintas cidades, vilas e aldeas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecemos rede e comezamos a traballar na organización dunha mobilización nacional, que fose quen de unir á diversidade do feminismo galego baixo o paraugas da Asemblea Galegas 8M. 

 Tras as convocatorias en Vigo (2018) e Lugo (2019), este ano repetiremos a aposta pola descentralización e itinerancia do movemento feminista,  convertindo o vindeiro 1 de marzo a Verín en capital do feminismo galego.  

 Para poñer a vida no centro, imos a Verín a celebrar, mais tamén a  alertar que debemos estar vixiantes ante a violencia institucional. O compromiso e a loita de colectivos feministas, persoal sanitario, asociacións de mulleres, organizacións sindicais e a morea de veciñas que participaron das mobilizacións e peches denunciando a violencia obstétrica foi e é exemplar. A través desta convocatoria solidarizámonos coa loita que desempeñan as compañeiras de Verín fronte á privatización e precarización dos servizos públicos de saúde, denunciando a violencia institucional que exerceron durante meses contra as mulleres da comarca pechando a sala de partos e as urxencias pediátricas; obrigando ás nais e ás crianzas neonatas a desprazarse ao hospital de Ourense, por mor dunha decisión patriarcal baseada en criterios políticos e económicos. 

 Esta manifestación do 1 de marzo será obxecto mobilizador e axitador para que o día 8 de marzo sexa unha nova data de reivindicación, combate e loita do feminismo en toda a Galiza. 

 Baixo o lema SEN COIDADOS NON HAI VIDA. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado.  

 Imos loitar polo que é invisíbel. Convocaremos unha xornada nacional de mobilización e de combate para sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social non valorado.  

 As mulleres sairemos ás rúas este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conseguir un mundo, tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras! 

MANIFESTACIÓN UNITARIA: 1 DE MARZO, VERÍN 
INFORMACIÓN BÁSICA 
Punto de Saída: Avenida de Portugal nº116 
Hora: 12:00 horas 
Fin: Praza Maior
Lectura do manifesto + actuacións musicais + xantar + foliada 

 Unha vez finalice a manifestación pasarase á lectura do manifesto elaborado colectivamente entre todas as mulleres integrantes de Galegas8m na voz de Cristina Huete, xornalista; Susana Bueriberi May, verinesa adicada aos coidados e que participou activamente na defensa do paritorio; Daniela Ferrández, activista trans e feminista, e Rosana Méndez, enfermeira do Hospital de Verín. 

 Ao remate da lectura a música acompañará o tempo de xantar coas intervencións de Neiz (@neizoficial) e o discomóbil, actividade conducida pola Marcha Mundial das Mulleres.  

 A partir das 16:00 compoñentes de grupos de música tradicional e bandas de gaitas da comarca estarán na praza para a foliada.     

 ¡Animamos ás asistentes a traer os seus instrumentos! 

 ACTOS DO DÍA 8 DE MARZO, VIGO 

 Alén da manifestación que terá lugar na cidade de Vigo, a asembela local de galegas 8m programou para este día diferentes actividades reivindicativas, có obxectivo de que, como nos anteriores anos, as mulleres de Vigo e comarca ocupen e fagan tremer a cidade durante toda a xornada. 

 Unha xornada de loita e reivindicación no que podemos o berro do feminismo no espazo público. 

ACCIÓN DE RÚA. UN VIOLADOR NO TEU CAMIÑO 
Lugar: Farola de Urzaiz 
Hora:12:00 

 Tomando o testemuño da acción de rúa das mulleres Chilenas, voltaremos, como xa fixemos no mes de novembro no barrio do calvario, a convocar novamente a todas as mulleres a participar nesta performance.  

RECITAL DE POESÍA E FOLIADA 
Lugar: Praza de Portugal 
Hora: 14:00 

 Participaran no recital de poesía, entre outras, mulleres Nuria Vil, Yimiyourek e Vanessa Glamsel, realizando unha intervención de poesía escénica. Mónica Sueiro realizando unha peza teatral e o colectivo 85C que interpretaran un manifesto coa situación das mulleres nas artes escénicas. 

 Alén destas mulleres, mozas do comando feminista e Klandestinas participaran nun micro aberto poético. 

 Tras o recital, antes de comezar a manifestación, faremos na propia praza unha foliada coa participación de mulleres músicas da escena da música tradicional da comarca.  

MANIFESTACIÓN DO 8 DE MARZO EN VIGO 
 INFORMACIÓN BÁSICA 
Punto de Saída: Urzaiz Cruce con Vía Norte 
Hora: 18:00 horas 
Fin: Alameda 
Lectura do manifesto + actuacións musicais  

 Unha vez finalice a manifestación pasarase á lectura do manifesto elaborado colectivamente entre todas as mulleres integrantes de Galegas8M. 

 No final da manifestación teremos as actuacións de Su Garrido e de Ultraviole(n)tas.   

 Durante toda a xornada acompñaranos a Batukada nos diferentes actos e actividades aportando forza ao movemento.  

 Alén das actividades programadas, penduraremos novamente os nosos tendais reivindicativos. 

 O pasado 24 de febreiro mulleres penduraron tendais nos diferentes barios da cidade chamando á mobilización e reivindicando, desde o feminismo un cambio no sistema para derrubar o patriarcado. Este tendais desapareceron das rúas na maña seguinte a ser tendidos.  

 Queremos denunciar este feito e deixar claro que as ruas tamén son nosas. 

 Non nos calarán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario