5 de feb. de 2020

A GUARDA

A Guarda prepárase para un divertido e animado Entroido 2020 

A benvida ao Entroido 2020 será na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile do alumnado dos centros educativos da vila cun percorrido polo casco urbano 
   


Infogauda / A Guarda

 A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades que arrancarán na xornada do venres 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios. 

 A programación inclúe, ademais das citas obrigadas do Desfile dos Colexios (venres 21 de febreiro) e do desfile de Entroido (martes 25), diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras. 


A meirande parte dos escolares sairán a rúa na mañá do venrtes día 21 de febreiro
Fotos: C.A.G.


 A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte do alumnado dos centros educativos da vila cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido. 

 Na xornada do sábado 22 de febreiro ou Sábado de Guateque, a Alameda da vila será o epicentro dun evento moi especial e cheo de boa música que comezará ás 23:30h co concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizará esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada “Bailongo session” a cargo de “Furry Destroyer”

 O domingo 23 de febreiro a Alameda guardesa acollerá o “Domingo das Familias” a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o obradoiro de pintacaras para nenas/os con Ma Nunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60 e 70, especialmente adicado a público en xeral. 

 Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas serán os protagonistas, co espectáculo infantil “Abordaxe Pirata” e “Minidisco” de Barafunda, e un obradoiro de máscaras, de Ma Nunú, a partir das 17:30h na Alameda da vila. A “Abordaxe Pirata” é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. 

 “Minidisco” continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda. 

O “Desfile de Entroido” será o martes día 25 de febreiro



 Xa para poñer o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro ás 17:30h, desde a “Esquina Famosa”, terá lugar o “Desfile de Entroido”, que conta cun percorrido polas rúas Puerto Rico, Galicia e Rosalía de Castro, ata a Alameda, coa compaña da batucada “Bate no Cobre de Matamá, que conta con preto de 15 integrantes. 

 As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3.000€. Bases completas na web municipal www.aguarda.es. 

 Desde o Concello de A Guarda indican que a diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo

Menú de Entroido 

 Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos da Guarda ofertarán o devandito menú, que inclúe un primeiro prato de caldo ou empanada, un segundo prato de lacón con grelos e unha sobremesa con filloas ou ourellas de Entroido, viño e café. O prezo é de 18€ por persoa. 

 Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). 

 Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020


VENRES 21 DE FEBREIRO, pola mañá

DESFILE DOS COLES COA CHARANGA VAIA PANDA
Organizan: Colexios da Guarda

SÁBADO 22 DE FEBREIRO
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto do Grupo Quedequé
E despois: pinchada con “Furry Destroyer”
Alameda da Guarda a partir das 23:30

DOMINGO 23 DE FEBREIRO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Concerto da Gramola Ye Ye
Pintacaras para nenas/os con Ma Nunú
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

LUNS 24 DE FEBREIRO
LUNS DOS NENOS
Espectáculo infantil “Abordaxe pirata” e “Minidisco” con Barafunda
Obradoiro de máscaras con Manunú
Alameda da Guarda  a partir das 17:30h.

MARTES 25 DE FEBREIRO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile de comparsas carrozas e grupos acompañados da batucada “Bate no Cobre”
Consulta as bases en www.aguarda.es.
Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda

Ningún comentario:

Publicar un comentario