BRANQUIAZUL, DE MARCOS GENDRE: “O ORGULLO DE SENTIRSE CORUÑÉS”
O libro narra os anos dourados do Dépor e apela á identidade de toda unha cidade que sentiu como parte da súa historia
Na mesa, de esquerda a dereita, Xosé Hermida, Ramón Jiménez e o autor Marcos Gendre
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O obxectivo de "BRANQUIAZUL. Historia oral de los años dorados del Dépor", de Marcos Gendre, “non é armar un documental sobre o Dépor e os seus milagres deportivos, senón sobre a xente que arrastrou ao club e que o adoptou con orgullo vital de sentirse coruñés, e sobre as luces e as sombras dunha viaxe colmada de fazañas imposibles e derrotas épicas”, dixo o seu autor esta tarde na presentación da obra que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia.
No acto interviñeron, xunto con Marcos Gendre, o coordinador de Actividades da institución Ramón Jiménez e o xornalista Xosé Hermida.
O libro, editado por Contra, recolle as entrevistas realizadas durante case dous anos de traballo polo autor a unhas setenta personalidades do mundo do deportivismo e os seus rivais, tanto do corpo técnico como a xogadores carismáticos, así como a un selecto grupo de xornalistas deportivos e seguidores. Entre todos conforman a imaxe dun club que “sufriu e celebrou como ninguén, principalmente a entre os anos oitenta e principios do século XXI”. Pero a obra é ademais a historia dunha cidade, cuxos mozos se emocionaron e atoparon no fútbol un referente e unha ilusión en plena crise económica.
A mesa cos integrantes Xosé Hermida, Ramón Jiménez, Marcos Gendre e parte do público que acudiu a presentación
“E efectivamente dou fe de que así foi, porque eu mesmo fun testemuña desa época”, dixo Ramón Jiménez na presentación que neses anos, “precisamente en xaneiro de 1982, fai agora 38, incorporábame ao meu primeiro posto de traballo na Coruña, entón La Coruña”. E lembrou a súa primeira tarde na cidade e a súa sorpresa ao ver a gran cantidade de xente que asolagaba o Paseo Marítimo. Logo xa soubo que era a imaxe habitual dos días de fútbol, o ambiente e a euforia, a paixón e a entrega, os triunfos e os baños na fonte de Catro Camiños... “Como cando ascendeu a primeira división despois de tanto esforzo e de que case o conseguise o ano anterior, no que empezaran xa a tirar os foguetes da celebración antes de tempo. Pero asegúrolles que cando ao fin o lograron a festa fixo historia”, asegurou categórico Jiménez, xa que entón vivía na zona dos viños e pasou 12 anos na cidade herculina. Tempo despois, xa en casa de Galicia, xusto o 20 de xaneiro de 1994, e na mesma sala que hoxe, o presidente do Club Augusto César Lendoiro pronunciou a conferencia “O Deportivo e o seu reto de futuro”; e uns meses máis tarde presentou o libro “La gestión de un líder: Augusto César Lendoiro”, que lle chamou “profundamente a atención pola súa cabaleirosidade e elegancia”.
Para o xornalista Xosé Hermida, a través do relato oral de decenas de voces, “o libro de Marcos, como un caleidoscopio sonoro, ofrece o relato máis detallado dos anos de ouro do Deportivo”. Segundo Hermida “esta epopea atlántica, tal e como a denomina o propio autor, constitúe a historia máis asombrosa que coñeceu en décadas o fútbol español. Naquela época todo era posible e calquera soño podía facerse realidade”.
Para Marcos Gendre “non hai historia máis vertixinosa na historia do fútbol que a vivida polo Deportivo entre 1983 e 2005”. Foi algo prodixioso porque pasou “da cantada desaparición do club en 1988 á consecución dunha Liga, no 2000. Nin o mítico Notthingam Forest das dúas Copas de Europa viviu unha aventura con desniveis tan pronunciados”, asegurou. El era pequeno e viviuno como neno e logo como adolescente. Ademais, non lle gustaba o fútbol, pero a masa social contaxioulle o entusiasmo. Unha masa que aglutinaba por igual a traballadores e estudantes, xente maior, nova e todas as tribus do momento sen que houbese nunca un incidente.
Insistiu ademais Gendre en que o obxectivo do libro non é facer un documental sobre cada paso que deu o Dépor na súa longa traxectoria porque para o autor os verdadeiros protagonistas son as persoas que empuxaron ao club e o fixeron partícipe da emoción colectiva de toda unha cidade, da ilusión e a esperanza que necesitaban. Animáronse mutuamente e o resultado foi un milagre que é “pouco probable que se repita”.
Marcos Gendre (A Coruña, 1978) é un prolífico autor de literatura musical en lingua castelá e como xornalista musical escribe en diversas publicacións. Conta cunha trintena de ensaios.
Tamén é colaborador habitual en prensa deportiva e revistas especializadas. Así mesmo é membro fundador da revista dixital La Zancadilla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario