Bombeiros de Vigo mobilízanse nos xulgados coincidindo co xuízo contra os servizos mínimos
A CIG presentara un contencioso administrativo porque vulneran o dereito de folga e foron impostos
Un grupo de bombeiros e de delegados/as sindicais da CIG mobilizáronse hoxe diante dos xulgados de Vigo
Foto: CIG
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Un grupo de bombeiros e de delegados/as sindicais da CIG mobilizáronse hoxe diante dos xulgados de Vigo coincidindo coa celebración do xuízo para dirimir o recurso contencioso administrativo presentado pola central contra os servizos mínimos ao entender que vulneran o dereito de folga e non foron negociados.
Miguel Uclés, delegado da CIG no servizo de Bombeiros do Concello de Vigo explicou que a central considera ilegais os servizos mínimos decretados polo Goberno local hai inicio da folga indefinida que deu comezo hai xa case seis meses para denunciar a sobrecarga de traballo que padecen os traballadores/as por falta de persoal.
Uclés lembrou que se trata duns servizos mínimos impostos que son idénticos ao servizo ordinario, “o que demostra a falta de efectivos que vimos denunciando dende hai anos”. De feito, mesmo os bombeiros/as que estaban en período de formación foron incluídos/as nos reforzos obrigatorios que se impoñen cos servizos mínimos.
Militarización do servizo
Segundo comentou, os servizos mínimos impoñen 20 efectivos diarios, unha cifra case imposíbel de cumprir porque un terzo do cadro de persoal está de baixa, ao que hai que sumar que nun prazo de cinco anos a metade do persoal vaise xubilar, o que deixa o servizo nunha situación límite.
“Así é imposíbel ofrecer un servizo de calidade, ademais de poñer en perigo os propios/as traballadores/as, por iso dicimos que Vigo é insegura”.
Por iso instou ao Concello a negociar co comité de folga, “porque o único que os move é poder desenvolver o seu traballo con seguridade e garantir un servizo de calidade para a cidadanía; teñen que escoitarnos porque temos cousas que dicir para mellorar o servizo, pero o único que fan é explotarnos e desprezarnos”.
Lamentou que despois da última sentenza que lles deu a razón pecharon toda posibilidade de negociación “e agora atopámonos con que nas bases de contratación pretenden darlle un trato de favor aos membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME), xa que terán máis puntuación que os bombeiros/as doutras partes do Estado, o que na práctica se traduce nun intento por militarizar o servizo”. Diante disto, amosouse convencido de que terán que volver aos xulgados “porque é algo ilegal”.
Finalmente, quixo deixar claro que a oferta pública aprobada fixa en 150 os efectivos necesarios para Vigo, “e nestes momentos non chegamos aos 110, ademais de que a metade do cadro de persoal supera os 55 anos”.
Tal e como sinalou a avogada da CIG durante o xuízo, Uclés entende que coa aplicación dos servizos mínimos vulnerouse un dereito fundamental como é o de folga, ademais de que non foron negociados co comité de folga nun co comité de empresa.
Ao mesmo tempo, fixo fincapé na excesiva carga de traballo que padecen os bombeiros como consecuencia dun decreto municipal que o xulgado declarou ilegal con anterioridade, o que está a provocar accidentes laborais e problemas de saúde entre os efectivos. Citou o acontecido a semana pasada, cando un traballador de 58 anos sufriu a rotura dunha clavícula durante un servizo.
Por iso demandan a anulación do decreto, que sigue vixente despois de que o Goberno local decidise recorrer a decisión xudicial. “Parece mentira que un Goberno que se di socialista estea a escravizar deste xeito os traballadores/as dun servizo fundamental coma o de bombeiros/as”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario