O xulgado anula os servizos mínimos da folga dos Bombeiros de Vigo porque non garanten a seguridade
A decisión xudicial, contra a que aínda cabe recurso, chega tras o contencioso presentado pola CIG
O
secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, criticou con
dureza a actitude do rexedor vigués e dos responsábeis municipais
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo decidiu anular o decreto de servizos mínimos imposto polo Concello na folga indefinida iniciada o pasado 14 de agosto no servizo de Bombeiros/as para denunciar que a falta de persoal está a poñer en grave risco a integridade dos efectivos e da cidadanía. A decisión xudicial, contra a que aínda cabe recurso, chega tras o contencioso presentado pola CIG.
Para o representante da CIG no corpo de emerxencias, Miguel Uclés, a sentenza é fundamental tanto para o colectivo de bombeiros/as como para a veciñanza de Vigo “porque volve constatar o que levamos tempo denunciando e polo que comezamos a folga indefinida: que o Concello está a cometer ilegalidades contra o noso servizo que poñen en perigo a seguridade dos traballadores/as e a propia veciñanza da cidade”.
Uclés lembrou que con anterioridade o xulgado xa lles dera a razón a respecto do decreto municipal que os obriga a traballar en condicións de escravitude. “Agora a xuíz determina que os servizos mínimos que foron impostos ao inicio da folga non son legais porque non foron deseñados para garantir a seguridade da cidadanía”. O mesmo tempo, sinalou que a falta de diálogo e de negociación por parte do alcalde e do Goberno local está a levar a situación ao límite, poñendo en grave risco a integridade dos efectivos e da veciñanza.
Por outra banda, incidiu en que a decisión xudicial deixa moi claro que a folga é un dereito, “e que hai que negociar para chegar a acordos, algo que non están a facer”. Con todo, amosouse convencido que o Goberno local optará por recorrer a sentenza -como fixo coa anterior- “para seguir a gañar tempo en lugar de sentarse a dialogar”.
Unilateralidade e autoritarismo
Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, criticou con dureza a actitude do rexedor vigués e dos responsábeis municipais, aos que acusou de responder unicamente “insistindo na vía unilateral e no autoritarismo”. Denunciou que o Concello está instalado na “xordeira permanente” para non escoitar as reivindicacións dun colectivo que atende un servizo de emerxencias municipal.
Diante disto, quixo trasladar de xeito público todo o apoio da CIG, como principal forza sindical da bisbarra, á loita dos bombeiros/as, ao tempo que lle fixo unha advertencia directa ao Goberno local: “Iremos até o final na depuración de responsabilidades no caso de que esta situación teña consecuencias negativas para algúns bombeiro/ ou para a cidadanía”.
Finalmente, apelou á concelleira de Seguridade a que convoque “de inmediato” unha mesa de diálogo co comité de folga para buscar unha solución urxente á “situación límite” que vive o corpo por falta de medios humanos e como consecuencia de ter que aturar unhas condicións laborais “insoportábeis”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario