A ESCOLA DE HOSTALERÍA DO BAIXO MIÑO E PARADORES COLABORARÁN NA FORMACIÓN DE PROFESIONAIS
Paradores comprométese a ofertar prácticas aos alumnos/as que se formen na Escola e a colaborar coa bolsa de emprego
Infogauda / O Rosal
A Escola Profesional de Hostalería do Baixo Miño, ubicada no Concello do Rosal, e o Parador de Turismo de Tui asinaron un convenio para colaborar na formación de desempregados e traballadores do sector hostaleiro.
Paradores comprométese a ofertar prácticas aos alumnos/as que se formen na Escola e a colaborar coa bolsa de emprego, tratando de conseguir a inserción laboral daquelas persoas que opten pola hostalería como opción profesional.
En canto á formación para profesionais en activo, a Escola de Hostalería, situada na Roseira, comprométese tamén ha deseñar as súas accións pensando nas necesidades ou carencias que Paradores poida identificar.
Actualmente esta Escola, liderada por dúas emprendedoras, está a impartir, dentro da liña de formación para o emprego, un CURSO DE COCIÑA e un CURSO de SERVIZOS DE BAR e CAFETERÍA, nos que están matriculados unha trintena de alumnos. Esta formación está financiada ao 100% pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Traballo. Ao finalizar o completo Plan Formativo que regula o Ministerio, e que se prolonga entre 6 e 7 meses, os alumnos/ as reciben un título ou certificado de profesionalidade que expide a Administración Autonómica.
Segundo Sonia Machado, responsable da área de formación da Escola Profesional de Hostalería do Baixo Miño, “a Escola asumiu o compromiso coa Xunta de Galicia de inserir polo menos un 50% dos beneficiarios destes certificados de profesionalidade e, sen dúbida, convenios como o que hoxe se asina con Paradores contribúen a garantir a devandita inserción, a garantir unha formación de calidade que permitirá non só aos usuarios atopar un emprego estable senón mellorar a imaxe e a profesionalidade de todo o sector fronte a un turismo cada vez máis crecente e esixente”.
Outras actividades que a Escola ten actualmente en marcha son:
- Un curso de cociña para nenos, “APRENDE INGLÉS COCIÑANDO”, tratando de familiarizar aos alumnos/as coa profesión pero ao mesmo tempo achegándoos/ as un pouco máis aos idiomas, imprescindibles hoxe en día.
- Un TALLER DE COCIÑA VEGANA para adultos e adolescentes, pensando nunha alimentación máis sa, equilibrada e respectuosa coa contorna.
- Un CURSO DE TAPAS para profesionais en activo e interesados/as en xeral.
- Un CURSO DE CARNICEIRO/A profesional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario