O Conservatorio Elemental de Música loce novos murais de pintura
Son obra da artista guardesa Tamara Baz
De esq. a der.: Mª Elena Baz Rodríguez, concelleira delegada do Conservatorio de Música, ollando os murais realizados pola artista guardesa Tamara Baz
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal do Concello de A Guarda, fixo público no día de hoxe que a pasada semana remataron os traballos de pintado de varios murais do primeiro andar do Conservatorio Elemental de Música de A Guarda, obra da artista local Tamara Baz.
Mª Elena Baz Rodríguez, concelleira delegada do Conservatorio de Música, visitou xunto coa artista, o remate destes traballos, que consistiron na realización de varios murais no primeiro andar do Conservatorio con imaxes de instrumentos, valorando esta actuación como «espléndida», dando os parabéns á autora e convidando á cidadanía a implicar á xuventude na cultura musical e a formarse musicalmente no Conservatorio de Música da nosa localidade.
Na imaxe unha das obras da autoría de Tamara Baz que poden ollarse no Conservatorio
A realización destes murais iniciouse o pasado ano coa colaboración de Tamara Baz co pintado da entreplanta, aproveitando o pintado xeral deste edificio para darlle un ambiente máis cálido e confortable.
CONSERVATORIO ELEMENTAL DE MÚSICA
O Conservatorio Elemental de Música de A Guarda atópase na Rúa Vigo, na traseira do Pavillón Municipal. Na actualidade imparte formación musical de frauta traveseira, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, guitarra eléctrica e clásica, piano, violín, viola, gaita e percusión. Todos os interesados poden ampliar información sobre o Conservatorio Elemental de Música no número de teléfono 986 613 002 en horario de 15:00 a 21:00 horas.
O Conservatorio organiza todos os anos concertos didácticos, que teñen un fin educativo e serven para mostrar os instrumentos que se imparten no conservatorio e potenciar as ensinanzas musicais entre a xuventude da vila.
Tamén se realizan xornadas de portas abertas ás que poden asistir todos aqueles que estean interesados en probar ou coñecer os diferentes instrumentos que se imparten no conservatorio da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario