14 de xan. de 2020

A GUARDA

O PP da Guarda intenta estrangular a xestión municipal votando en contra da Conta Xeral de 2018 

● Antonio Lomba Baz (alcalde do Concello de A Guarda): “Ao PP da Guarda non lle importa prexudicar aos seus veciños e veciñas se con iso consegue réditos políticos, como quedou demostrado no pleno da Conta Xeral, onde o seu portavoz Roberto [José] Álvarez Carrero avergoñou a todos e cada un dos seus votantes coas súas declaracións”. 

● Antonio Lomba agradece ao BNG da Guarda a súa altura de miras ao demostrar que saben recoñecer que é fundamental a aprobación das contas para a boa xestión do concello.

Antonio Lomba Baz, alcalde do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 No día de hoxe, 14 de xaneiro de 2020, celebrouse no Concello de A Guarda un pleno extraordinario para aprobar a Conta Xeral do ano 2018 como estipula a lei. Unha Conta Xeral que - como afirma o alcalde Antonio Lomba Baz - cumpre todos os requisitos para a súa presentación e aprobación no pleno, como son: o dictame da Comisión de Contas e a exposición publica da mesma, (sen que ninguén fixese alegacións) ademais de contar co informe favorable de intervención.  

 Pois ben, o alcalde Antonio Lomba afirmou a este xornal dixital que sentiu vergoña pola actitude do portavoz do PP, Roberto  [José] Álvarez, ao ver que non soamente non se abstiña, senón que votaba en contra da aprobación das contas que temos que remitir á Xunta de Galicia, para poder optar ás subvencións e cumprir coa lei, buscando réditos partidistas e persoais clarísimos. A non aprobación e presentación da Conta Xeral produciría un importante prexuizo para as veciñas e veciños da Guarda que perderían o dereito recibir subvencións da Xunta para a nosa localidade. “Este era o seu obxectivo de hoxe para despois recriminar ao goberno que non é capaz de gobernar.” 

 O primeiro edil non dubidou en engadir: Pero do que parece que non se dá conta o señor Roberto Álvarez, polos seus comentarios no pleno é que as veciñas e veciños da Guarda non querían un goberno do Partido Popular e por ese motivo hoxe atópanse na oposición.

 As afrontas constantes cara ao PSdeG-PSOE e ao propio alcalde fixeron que Antonio Lomba tivese que defenderse das malas formas do señor Roberto Álvarez dicíndolle “que tome boa nota do sucedido no pleno de hoxe, onde se constatou que o PP non ten a maioría.” Así, a pesar do seu voto en contra, saiu adiante a Conta Xeral. O alcalde advertiulle que deixara de poñer paus nas rodas, que se o portavoz do PP cre que tería que ser el o alcalde, presente unha moción de censura, e se non, que deixe traballar aos que realmente queren un beneficio para este concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario