O Programa Incorpora facilita a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental
Patricia levaba dous anos sen atopar traballo ata que coñeceu o programa Incorpora de “la Caixa”. Decidiu darlle unha oportunidade para mellorar o seu nivel de empregabilidade e aumentar as súas posibilidades de inserción laboral. Grazas ao programa e ao seu esforzo, actualmente traballa nun posto de lavandería.
Patricia no seu posto de traballo
Foto: A.E.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
O programa Incorpora de “la Caixa” chegou á vida de Patricia a través de Saúde Mental FEAFES Galicia. “Faláronme dos servizos que ofrecen na federación e fun pedir información. Deime de alta e iniciei orientación laboral. Entre as moitas cousas que traballamos, faláronme do programa Incorpora e do seu funcionamento. Chamoume a atención, polo que decidín darme de alta no programa. Non tiña nada que perder, así que me animei a participar e tentar buscar un emprego a través del”, asegura Patricia.
Desde o principio, as orientadoras laborais traballaron con ela nun itinerario personalizado de inserción, marcando moi ben os seus obxectivos e o seu método de busca de emprego. “Este proceso foi dos máis complicados porque recoñezo que eu estaba moi encasillada nun perfil laboral determinado, o de persoal de supermercado. Quizais por medo, por desconfianza ou por non verme capaz de desempeñar outras funcións distintas, non me animaba a buscar outra cousa diferente. Tras moito traballo e esforzo, decidín ampliar a miña procura cara a outros lados. E mira que ben me foi!”, relata.
A empresa Nosa Señora dos Ollos Grandes tamén confiou no programa á hora de buscar persoal para o posto de lavandería, compartindo a oferta dentro do grupo a través de CaixaBank. “Avisáronme desde FEAFES de que había dispoñible un posto de lavandería en Nosa Señora dos Ollos Grandes e que se trataba dunha boa oportunidade para enviar o meu currículo. Ao principio non me vía preparada, pero tras falar coas técnicas e resolver dúbidas, decidín dar o paso. Recoñezo que pasei moitos nervios na entrevista, pero esforceime en facela o mellor posible.”
A empresa decidiu darlle unha oportunidade a Patricia e, a día de hoxe, tanto ela como o persoal do sanatorio están moi contentos. “A relación coas miñas compañeiras é marabillosa e desde o primeiro día sentinme integradísima. Encántame o meu traballo e ir traballar. Síntome moitísimo mellor comigo mesma, máis animada e motivada. Grazas a esta oportunidade laboral, teño máis enerxía que nunca. Ademais, adquirín novos coñecementos e habilidades. E, o máis importante, aprendín que son capaz de facer calquera cousa que me propoña, que non debo ter medo de tentalo”, asegura Patricia.
Dende 2006, Incorpora de “la Caixa” ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social, neste caso centradas na integración laboral de persoas con especiais dificultades para atopar emprego, como persoas con discapacidade, mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e exreclusos, entre outros.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario