PRESENTACIÓN DO LIBRO SALCIDOS EN BRANCO E NEGRO
ÁLBUM FOTOGRÁFICO DA PARROQUIA DE SALCIDOS II
Sábado 14 de decembro ás 20:00 horas, no Salón Parroquial de Salcidos
Antonio Fontela Martínez / Salcidos
Esta vez custou máis que o primeiro pero xa o temos aquí. Este sábado poderemos presentar o novo libro de Salcidos en Branco e Negro, unha nova recompilación fotográfica que nesta ocasión conta coa participación de importantes recuperadores da historia local guardesa, que contan as historias de personaxes históricos ou con historia na nosa parroquia. Joaquín Miguel Villa, José Antonio Uris, Vitoriano de Saladina, Ricardo Rodríguez, Celso R. Fariñas, Fabiola Coedo e Antonio Fontenla acompañarán cos seus artigos as fotos recollidas durante estes case que 8 anos de andadura desta fermosa aventura. É un libro máis completo e traballado pero co mesmo espírito co anterior, facer que as imaxes se convertan en parte do patrimonio cultural da parroquia.
O sinxelo evento de presentación que se realizará este sábado 14 de decembro, as 8 da tarde, no Salón Parroquial de Salcidos, servirá ademais para que aqueles que adquiriron os vales poidan retirar xa os libros o rematar o evento, aínda que tamén o poderán facer nos establecementos que colaboraron na venta a partires do día seguinte. Haberá tamén algúns exemplares a venda para aqueles que non tiveron a oportunidade ou non quixeron compralo por adiantado.
Invitamos a todo o pobo de Salcidos e os nosos veciños a participar connosco neste pequeno, pero para nós importante acto, no que queremos celebrar que parte do noso patrimonio fotográfico queda neste segundo libro a bo recaudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario