A Deputación de Pontevedra formaliza a súa adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima
Carmela Silva deu lectura ao manifesto "Unha árbore por Europa" cuxa plantación farase na primavera para "visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no mundo local"
O Pleno da Deputación de Pontevedra acaba de formalizar a súa adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Goberno da Deputación de Pontevedra, presidido por Carmela Silva Rego segue dando pasos en firme no seu compromiso coa sustentabilidade e a transición ecolóxica. Deste xeito, o Pleno da Deputación de Pontevedra acaba de formalizar a súa adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima nunha sesión na que tamén se fixo lectura do manifesto "Unha árbore por Europa", a través do cal a institución se compromete a plantar unha árbore antes do 5 de xuño para "visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no mundo local".
A través da adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima, a Deputación intégrase nunha sección da FEMP formada polos gobernos locais que están a apostar por impulsar políticas dirixidas á transición ecolóxica. Así, a institución vaise integrar nunha rede que está a promover actuacións para loitar contra o cambio climático desde o local e minimizar os seus efectos no medio ambiente, sumando sinerxías con outras entidades que están a traballar neste eido.
A presidenta da Deputación destacou que "o compromiso co medio ambiente e a transición ecolóxica, xunto á igualdade, son as grandes áreas protagonistas do mandato. Xa iniciamos o camiño na pasada lexislatura pero nesta imos seguir na mesma senda, reforzando toda a nosa acción encamiñada á defensa do planeta e a paliar a verdadeira emerxencia climática que vivimos". Así, Silva incidiu na importancia de sumarse á Rede Española de Cidades polo Clima para continuar "impulsando iniciativas no eido local para transformar o local". Xunto á adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima durante o Pleno tamén se leu o manifesto "Unha árbore por Europa", ao que tamén se suma a institución provincial, e no que asúmese o compromiso de plantar unha árbore antes do 5 de xuño de 2020 (Día Mundial do Medio Ambiente).
O manifesto "Unha árbore por Europa" inclúe cinco puntos entre os que se atopan o aumento da conciencia social sobre a sustentabilidade no ámbito local; o fomento da colaboración entre autoridades e sociedade civil para promover o desenvolvemento sostible; o recoñecemento do papel fundamental da mocidade na consecución da sustentabilidade; a plantación da árbore; e a promoción na comunicación institucional da campaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario