O Concello de Oia aproba a nova denominación de 173 camiños e estradas do municipio
O padrón será actualizado durante o mes de xaneiro. Paralelamente colocarase a correspondente sinalización en cada unha das vías
A imaxe corresponde a un dos pintorescos lugares do Barrio do Arrabal, en Oia
Foto: C.O.
Infogauda / Oia
O Concello de Oia vén de aprobar a nova denominación dun total de 173 camiños, estradas e prazas, “unha medida adoptada co obxectivo de solucionar os problemas que presenta o padrón á hora de recoller a numeración e denominación dalgúns lugares do municipio”, segundo afirmou á alcaldesa Cristina Correa Pombal.
Compre salientar que a Corporación Municipal do Concello de Oia aprobou por unanimidade estas novas denominacións no pleno ordinario do pasado 28 de novembro. Trátase dun total de 173 camiños e estradas, dos cales 22 corresponden á parroquia de Burgueira, 24 á de Loureza, 31 á de Mougás, 25 a Pedornes, 39 a Santa María de Oia e 32 a Viladesuso.
“As novas designacións foron - segundo refire á alcaldesa - establecidas en diversas reunións coa veciñanza en tódalas parroquias, recuperando en moitos casos os nomes tradicionais dos lugares.
Como criterio de traballo adoptouse a decisión de designar camiños longos, co obxectivo de evitar un sinfín de nomes distintos que complicarían a aplicación do traballo ao padrón”.
Proceso
A alcaldesa do Concello de Oia tamén referiu que “a consecución deste listado supón dar un paso máis no proceso de renumeración das vivendas e parcelas con nova denominación de camiños e estradas no que o Concello vén traballando desde hai tempo. Así mesmo, durante esta etapa o Concello xestionou, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a adquisición das placas cos nomes dos camiños.
Dentro deste proceso, en dous acordos plenarios previos foron creadas unha serie de entidades singulares de poboación que a efectos estatísticos non existían ata o de agora, a fin de dar resposta á petición da veciñanza de poder empadroarse nos lugares onde realmente vive, dentro dos requisitos mínimos esixidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
As novas denominacións aprobadas no pleno de novembro remitiranse ao INE, para actualizar o padrón cos novos enderezos durante o mes de xaneiro.
Así mesmo, estes novos enderezos serán notificados a todos os veciños e veciñas e, paralelamente a todo este proceso, irase colocando a correspondente sinalización en cada unha das vías”.
Desde Infogauda felicitamos á Corporación Municipal de Oia por haber dado un importantísimo paso a prol da recuperación toponímica do concello oiense, porque trátase dun patrimonio inmaterial que compre conservar, como un rico legado que nos viu dado polos nosos devanceiros e que debemos pór en valor, fixar e divulgar, non soio para á cidadanía de hoxendía, senón tamén para ás xeracións futuras.
Desde Infogauda felicitamos á Corporación Municipal de Oia por haber dado un importantísimo paso a prol da recuperación toponímica do concello oiense, porque trátase dun patrimonio inmaterial que compre conservar, como un rico legado que nos viu dado polos nosos devanceiros e que debemos pór en valor, fixar e divulgar, non soio para á cidadanía de hoxendía, senón tamén para ás xeracións futuras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario