20 de dec. de 2019

O ROSAL

O secretario xeral para o Deporte inaugura os vestiarios do pavillón municipal do Rosal renovados pola Xunta de Galicia cun investimento de preto de 50.000 euros  

Asegura que estas obras veñen a cumprir “unha das obrigas da Secretaría Xeral para o Deporte que é que os deportistas galegos e galegas poidan realizar deporte nas mellores condicións”

A alcaldesa do Rosal - no centro da imaxe - co secretario xeral para o Deporte e o xefe do Servizo Provincial de Deportes; membros da Corporación Municipal e directivos do Acanor Atl. Novás, na visita ao pavillón municipal do Rosal
Foto: X.G..


Infogauda / O Rosal 

 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, supervisou esta mañá o remate das obras de renovación dos vestiarios do pavillón municipal do Rosal tras a obra levada a cabo pola Xunta de Galicia a tenor do convenio asinado co Concello de O Rosal. Segundo o texto do acordo, a Xunta de Galicia investiu a cantidade de 46.000 euros mentres que administración local achegou os restantes 3.883,58 euros para un custo total de preto de 50.000 euros.

  Ademáis de Jose Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, na presentación das obras de mellora do Pavillón Municipal do Rosal estiveron presentes Daniel Benavides Alonso, xefe do Servizo Provincial de Deportes; a alcaldesa do Rosal,  Ánxela Fernández Callís; o concelleiro de Deportes, Germán Fernández Rodríguez; Mª del Carmen Alonso Alonso, concelleira do PP do Rosal; e Andrés Senra e Rafael Vicente presidente e membro da directiva do clube  Acanor Atlético Novás.  

 Grazas a esta reforma no vestiario foi posible a ampliación da zona de vestiarios e duchas, a realización dun aseo adaptado para o público e para o uso propio dos deportistas, así como a actuación no chan de acceso aos vestiarios locais que resultaba esvaradoiro.  

 O secretario xeral asegurou que estas obras veñen a cumprir “unha das obrigas da Secretaría Xeral para o Deporte que é que os deportistas galegos e galegas poidan realizar deporte nas mellores condicións”. Do mesmo xeito destacou a importancia do acondicionamento do pavillón do Rosal xa que “é aquí onde xoga os seus partidos o Atlético Novás, un grande do noso balonmán que agardamos que pronto poida estar entre os mellores na Liga Asobal”.  
  
 Pola súa banda, o executivo municipal do Concello do Rosal relembrou: Logo de varias reunións mantidas entre o novo equipo de goberno e o clube Acanor Atlético Novás, principal usuario das instalacións deportivas, decidiuse modificar o  proxecto inicialmente previsto coa finalidade de adecualo ás necesidades reais do seu uso.  

 "Desde o concello agradecemos á Xunta de Galicia e agardamos poder contar con eles para a realización da segunda fase de melloras que queda pendente no pavillón municipal", afirmou á alcaldesa do Rosal.

 A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia. Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destina unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizáronse obras en 22 concellos que alcanzan os 1,35 millóns de euros e nas que participa a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario