O alcalde reclama ao SERGAS que se cubran as baixas de persoal no Centro de Saúde
Dirixirá
unha queixa ao Conselleiro de Sanidade expresándolle, por un lado a mala
cobertura sanitaria que está a sufrir a vila da Guarda e, por outro
lado, as queixas dos profesionais debido a mala situación laboral que
teñen
Antonio
Lomba Baz, alcalde da Guarda, e Mª Montserrat Magallanes Álvarez,
tenente de alcalde, mantiveron unha xuntanza este martes día 3 de
decembro de 2019, no Centro de Saúde da localidade
Foto: C.A.G.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A saúde é o ben máis prezado. Todos, en maior ou menor medida, somos conscentes desa afirmación, ainda que non sempre atopamos á receptividade que cada caso require. De tal xeito, que agás excepcións moi puntuais, a empatía dos profesionais da Sanidade pública cos pacientes, é digna de todo recoñecemento. Máis hai situacións que semellan vir impostas por outras esferas de decisión que deixan ver as claras, que alguén debera dar en sede parlamentaria, non somentes as esixibles explicacións públicas, senón ter a honestidade de recoñecer que hai momentos que non deberan producirse, que dan lugar a feitos que perxudican aos usuarios pondo en serio risco súas vidas. E por conseguinte comprometerse diante dos representantes dos cidadáns a poñer solución a feitos que deberan evitarse. Precisamente para que á saúde de todos non corra riscos innecesarios e para que os profesionais da Sanidade pública teñan unhas mellores condicións de traballo, con todo o que iso conleva. Desde o de seren cubertas ás vacantes en caso de enfermidade ou por vacacións, entre outras situacións, sen que iso repercuta negativamente nos pacientes.
Dito isto, temos que salientar que Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda, e Mª Montserrat Magallanes Álvarez, tenente de alcalde, mantiveron unha xuntanza este martes día 3 de decembro de 2019, no Centro de Saúde da localidade “para coñecer de primeira man os problemas que están a sufrir, tanto os pacientes como os profesionais sanitarios, motivados pola falta de persoal”.
Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda non dubidan en afirmar que “esta situación provoca que a cobertura médica no Centro de Saúde sexa mínima, ou deficiente en moitos casos, dándose situacións coma o desta mesma tarde de martes, na que, dos 3 médicos habituais, non vai a prestar servizo ningún, o que provocou a anulación de máis de 60 citas de pacientes, co conseguinte malestar.
Dende fai unha tempada a plantilla que presta servizo na Guarda viuse reducida, moitos dos días, á metade, dos 8 médicos que prestan servizo habitualmente, están consultando unha media de 4.
O alcalde da Guarda trasladou aos profesionais sanitarios que dirixirá unha queixa ao Conselleiro de Sanidade expresándolle, por un lado a mala cobertura sanitaria que está a sufrir a vila da Guarda e, por outro lado, as queixas dos profesionais debido a mala situación laboral que teñen”.
Desde o Concello inciden noutros datos fundamentais: “Hai que ter en conta que A Guarda atópase a unha hora de Vigo e isto fai que unha mala cobertura sanitaria poida provocar situacións de risco que, de non poñerlle remedio, acabarán traendo graves consecuencia para a saúde dos veciños. De feito, moitas persoas lle están trasladando persoalmente ao alcalde situacións particulares moi graves que están a sufrir.
Esta situación ven dada pola falta de cobertura de permisos, vacacións e baixas que o SERGAS está dando en Centros de Saúde como o da Guarda, o que provoca atrasos nas consultas e un incremento na carga de traballo dos profesionais. A sobredemanda do servizo está ocasionando ademais unha deficiente atención. Ata o momento o SERGAS non buscou unha solución a este problema o que ten como consecuencia que se veña agravando co paso do tempo.
Analizando os motivos que alega o SERGAS polos que non hai médicos suficientes para cubrir as baixas, vacacións ou permisos, hai que ter en conta que a situación precaria que están a sufrir os sanitarios en Galicia e en concreto na Guarda, está provocando que moitos deles busquen unha estabilidade laboral e se animen a marchar ao estranxeiro, onde teñen mellores contratos de traballo ou inclusive pasarse á sanidade privada”.
Segundo pudo saber este xornal dixital transfronteirizo os responsables municipais acordaron cos traballadores do Centro de Saúde da Guarda “dar un prazo dunha semana para resolver o problema ou, alomenos, comezar a facelo. Dentro dunha semana volverán a xuntarse para facer unha valoración das medidas que tome o SERGAS diante desta problemática que están a sufrir e, se non adoptan algunha medida, veranse obrigados a esixir solucións de forma máis contundente”.
Dende o Concello da Guarda solidarízanse co persoal sanitario “polas condicións de traballo e continuos cambios de turnos e sobredemanda que están sufrindo, unha situación laboral precaria que prexudica ao servizo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario