9 de nov. de 2019

TUI

O BNG DENUNCIA O ESTADO DO CAMIÑO DE SANTIAGO AO SEU PASO POR TUI

Carme Núñez e Xosé Martínez Tato, concelleiros do BNG no Concello de Tui

Infogauda / Tui

 En relación o estado do Camiño de Santiago ao seu paso por Tui, o concelleiro do BNG Xosé Martínez Tato considera que o goberno municipal é responsábel de non manter en boas condicións o traxecto que discorre polo termo municipal. Sinala que, por exemplo, na entrada á Galiza desde Portugal pola Ponte Vella, encontramos o camiño desviado cara ao río. O acceso faise a través dunha baixada cuxo estado non é só antiestético senón tamén perigoso. Ademais nese lugar atópase unha entrada a un túnel que reúne unhas condicións lamentables de hixiene, xa que esta a ser empregada como latrina pública.  

 “Parece mentira –afirma o concelleiro do BNG - que celebrándose proximamente o Congreso do Camiño de Santiago no noso concello, a entrada principal desde Portugal estea totalmente abandonada e descoidada. Supoñemos que ao goberno municipal non se lle ocorrerá levar aos congresistas a visitar este lugar nun paseo cultural”. 

 Por outra banda - engade Xosé Martínez Tato - noutro punto emblemático do camiño, na Ponte da Veiga, a lama amontoase desde hai máis dun mes e medio dificultando o paso dos peregrinos. As choivas de Setembro fixeron que a terra das fincas superiores se deslizara e amontoara en pleno camiño. Con isto, todos aqueles que desexen dar un paseo pola ponte terán que desistir ante os mais de 20 cm de lama que a precede. 

 Finalmente Tato afirma que o actual concelleiro de Patrimonio, tan aparentemente preocupado pola difusión turística do camiño, debería percorrelo, comprobar o seu lamentábel aspecto e tomar as medidas pertinentes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario