22 de nov. de 2019

TOMIÑO

A Concellería de Benestar organiza, con AFAGA, un curso para coidadores e coidadoras de persoas dependentes 

As clases, repartidas en catro sesións, están dirixidas polo psicólogo Gonzalo Soliño 

Monitor e asistentes a un obradoiro
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 A Concellería de Benestar do Concello de Tomiño organiza, en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), un curso destinado a coidadores e coidadoras de persoas dependentes.  

 As clases, repartidas en catro sesión de dúas horas cada unha, están a cargo do psicólogo de AFAGA, Gonzalo Soliño, que explica que “o rol de coidador dunha persoa en situación de dependencia, xera un importante desgaste a nivel físico e emocional, que mal xestionado pode derivar en sintomatoloxía ansiosa ou depresiva”.  

 As continuas situacións de tensións e sufrimento emocional ás que están expostos os coidadores fan que aumente considerablemente o risco a padecer diferentes problemas de saúde.  

 “O obxectivo deste taller é concienciar aos coidadores da importancia de coidarse a un mesmo para poder coidar, así como proporcionar estratexias que fomenten o auto coidado”, afirma a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.  

 Desta maneira, as persoas que asisten ao obradoiro realizan dinámicas (xogos, exercizos, simulacións, etc.) nas que se traballa o coidado da saúde, a xestión de tempo, o manexo das emocións e a resiliencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario