18 de out. de 2019

PONTEVEDRA

O Goberno da Deputación de Pontevedra prorroga un ano máis o acordo marco que rexe a prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria  

46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes están adheridos a este servizo da Deputación que está a beneficiar actualmente a 630 veciñas e veciños


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Sila Rego, na rolda de prensa de hoxe
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 O Goberno da Deputación de Pontevedra, que preside Carmela Silva Rego acaba de aprobar unha prórroga do acordo marco que rexe a prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Deste xeito, o servizo prorrogarase entre xaneiro de 2020 e xaneiro de 2021 cun custo de 174.480 euros dos cales a Deputación achega o 50 % e os concellos o 50 % restante.  

 "Como saben, cando chegamos á Deputación de Pontevedra existía xa un convenio de teleasistencia a través do cal se estipulaba que a institución provincial cubría o 34 % do custo real do servizo. Nós modificamos este convenio de tal forma que a Deputación pasou de cubrir o 34 % do custo a cubrir o 50 %, de tal forma que para o vindeiro ano achegaremos 87.240 € dos 174.480 € que supón o servizo, é dicir, a metade", asegurou a presidenta da Deputación.  

 A empresa que se encarga da prestación do servizo de xestión da teleasistencia domiciliaria é Quavitae Servicios Asitenciales, S. A. U. nun total de 46 concellos entre os que se atopan Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa.  

 Nestes momentos, a través da teleasistencia domiciliaria estase a dar servizo a 630 persoas que precisan dunha atención continuada. Deste xeito, o servizo vai dirixido a persoas que viven soas ou pasan grande parte do día en soidade, persoas con idade avanzada, diversidade funcional, illamento social, enfermidade, situación de risco psicosocial ou físico. Todas elas poden seguir vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, xa que con só pulsar un botón dáse resposta inmediata ás situacións de emerxencia no fogar, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Para elo, as persoas usuarias deben ter liña telefónica, xa sexa fixa ou móbil.  

 Ademais da atención continua, as 24 horas dos 365 días do ano, prográmanse tamén actividades dirixidas a persoas usuarias, para mellorar as súas capacidades a través de actividades lúdicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario