29 de out. de 2019

PONTEVEDRA

Baile, ledicia, espectáculo e exposicións para pechar o IV Encontro Provincial pola Inclusión  

O Centro Príncipe Felipe acolleu a xornada lúdica coa que se pechou o evento que clausurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Olga García, tamén participou na festa
Foto: D. PO.


Infogauda / Pontevedra

 O pavillón do Centro Príncipe Felipe, da Deputación de Pontevedra, acolleu hoxe a fin de festa do IV Encontro Provincial pola Inclusión organizado pola institución provincial na que entre luns e martes participaron máis de 500 persoas. Foi a través dunha xornada de ledicia e convivencia, que complementou a xornada técnica de onte no Museo.  

 Máis de 250 persoas asistiron ao peche lúdico do evento que finalizou cun ágape que reuniu as persoas con diversidade funcional e tamén aquelas e aqueles profesionais que traballan a diario con elas para garantir o seu benestar e que se cumpran os seus dereitos. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Olga García, tamén participou na festa, na que se deron cita diversos colectivos e centros educativos da provincia de Pontevedra.  

 "Quérovos felicitar por todo o traballo que realizades e tamén darvos unha aperta moi grande", transmitiulles Carmela Silva antes de pasarlle o micrófono a Felipe, un mozo que "vou levar comigo a todos lados" para compartir con el o protagonismo xa que "díxome que aparezo moito nos xornais". O sentimento de agarimo foi recíproco, e a Presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu o cariño das numerosas persoas que se achegaron a conversar con ela durante o ágape. Silva tamén recibiu en primeira persoa o agradecemento das entidades que participaron no encontro e que quixeron cadansúa fotografía para lembrar a súa participación no IV Encontro Provincial pola Inclusión. A Presidenta da Deputación de Pontevedra lembroulles que "estamos moi orgullosas e orgullosos de todas e todos vós" e agardou que "sexades moi felices".  

 A xornada lúdica que acolleu o Centro Príncipe Felipe desenvolveuse durante toda a mañá, e tivo como obxectivo pór en valor os proxectos que conseguen integrar as persoas con diversidade funcional na sociedade. Por iso, o centro acolleu ata un total de catro exposicións artísticas realizadas por estes colectivos, que tamén puideron asistir a un obradoiro de bailoterapia  e a un espectáculo creado polo actor e humorista Al Guanella.

Ningún comentario:

Publicar un comentario