OS SOCIALISTAS DO BAIXO MIÑO ESIXEN “SERIEDADE” Á XUNTA NOS ORZAMENTOS AUTONÓMICOS, E EMENDARÁN COAS “NECESIDADES REAIS” FRONTE AO “FUME HABITUAL”
Representantes do PSdeG na comarca mantiveron unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, no que analizaron as contas da Xunta para os concellos da zona
Torrado pregúntase se á Feijoo non “se lle cae a cara de vergoña prometendo ano tras ano investimento na VAP Tui-A Guarda sen que nunca se execute realmente”.
Os
socialistas da comarca do Baixo Miño mantiveron no día de onte en A
Guarda unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, para analizar
os orzamentos autonómicos para o ano 2020
Infogauda / O Baixo Miño
Os socialistas da comarca do Baixo Miño mantiveron no día de onte en A Guarda unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, para analizar os orzamentos autonómicos para o ano 2020 que están en fase de tramitación. Os socialistas esixen “seriedade” á Xunta de Galicia, coa que manifestaron a súa “decepción” por uns orzamentos que obvian algunhas cuestións esenciais para a comarca, pero que pola contra presentan partidas “repetidas” ano tras ano. Como principal exemplo Torrado sinalou os 3 millóns de euros que se inclúen para a VAP Tui – A Guardia, que xa foron incluidos nos orzamentos do ano pasado, nos de 2018, nos de 2017 e xa dende os de 2016, pero en ningún deses casos foron executados. Este caso evidencia o “fume habitual” que os orzamentos traen consigo, “pero que despois non hai nada detrás”.
Dende o PSdeG do Baixo Miño apuntan a que existen “necesidades reais” que a Xunta non está “nin entendendo ni atendendo”, e poñen por exemplo a dotación de medios materiais e humanos nos centros de saúde e especialmente no PAC de A Guarda, para o que demandan un equipo a maiores no servizo de urxencia, para poder cubrir con maiores garantías a poboación dos concellos de Oia, A Guarda e O Rosal.
Os socialistas anuncian a presentación de emendas para tentar de correxir os orzamentos para esta comarca, e adiantan que esixirán que o Partido Popular “se retrate de verdade” porque advirten que non aceptarán as “excusas de mal pagador de pretender fialo todo á existencia de partidas xenéricas que semellan máxicas porque nelas caben todas as promesas, aínda que logo non aparecen nunca”. As emendas socialistas irán encamiñadas a demandar un maior compromiso na VAP, e a reforzar os servizos públicos, coa inclusión da citada demanda sobre o PAC ou as melloras en centros educativos, e tamén un maior compromiso medioambiental coa mellora nas redes de saneamento de concellos como Tomiño ou O Rosal.
Dende o PSdeG agardan que o PP comarcal se sume a estas demandas, “que o son de toda a cidadanía” e insta aos populares do Baixo Miño a que aclaren a súa posición e que esixan da Xunta de Galicia “que non se queira tomar o pelo á comarca”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario